Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Carlos González Santín, Concepción Burgo, o secretario de sanidade do PSdeG de Lugo e médico, Miguel Ángel Rodríguez Lois, e o voceiro de Guntín e médico de urxencias José Luis Rodríguez, veñen de realizar un encontro con medios de comunicación en que desmontan o argumentario da Xunta de Galicia a respecto dos novos servizos esenciais para o HULA. Estas foron as conclusións que presentaron e que reproducimos neste post.

Información sobre Hemodinámica

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, vén de explicarlles ás asociacións de veciños de Lugo que a provincia non pode ter unha unidade propia de Hemodinámica as 24 horas do día e que, de implantala no futuro, só podería funcionar de 8.00 a 15.00 horas, porque o Ministerio de Sanidade fixa como mínimo ter 400.000 habitantes para establecer este servizo. Desde o PSdeG de Lugo vimos de comprobar, chamando persoalmente a todos os hospitais públicos do resto de provincias, que isto é mentira e non sucede no resto de España.

  • En primeiro lugar, só nove provincias en España carecen deste servizo, e todas elas teñen moitos menos habitantes que Lugo (que ten 348.067 habitantes segundo datos do INE 2011). Son Huesca (228.361), Cuenca (217.000), Zamora (194.000), Palencia (172.000), Ávila (172.000), Segovia ( 164.000), Teruel (145.000) e Soria (95.000).
  • As provincias de similar poboación que Lugo, que son Burgos (372.538) e Salamanca (350.018), teñen un servizo de Hemodinámica propio as 24 horas do día.
  • E o que é máis grave, provincias con moita menos poboación tamén dispoñen deste servizo propo as 24 horas. É o caso de Álava (320.778 habitantes), onde os responsables da sanidade pública responden sorprendidos que “por suposto, hai Hemodinámica durante todo o día” e, o caso máis chamativo, Guadalajara (257.442), onde o pasado 13 de xaneiro veñen de anunciar que empeza a funcionar un servizo de urxencia de hemodinámica as 24 horas no seu Hospital Universitario público para que os pacientes non teñan que ser trasladados a Madrid, como se recolle na seguinte noticia, deste mesmo mes.
  • Por outra banda, os hospitais de La Rioja (321.173 habitantes) e de Ourense (328.697) teñen Hemodinámica de 8.00 a 15.00 horas, este último a pesar de ter moita máis poboación que outras provincias que dispoñen deste servizo con unidade propia durante todo o día.

Ante esta realidade, e tendo en conta ademais as peculiaridades de Lugo, cunha poboación gravemente envellecida e unha acuciada dispersión poboacional que fai que os traslados sexan aínda máis longos, desde o PSdeG de Lugo queremos que a Xunta nos explique cales son eses criterios técnicos e de ordenación segundo a poboación aos que di responder o PP. Queremos saber por que o Sergas dá un servizo “de cidadáns de segunda” en Ourense e sobre todo en Lugo (que nin sequera dispón deste servizo a ningunha hora), con respecto ao resto de España, e por que noutros lugares con menos poboación logran implantar unha unidade deste tipo que funciona todo o día e a Xunta non é capaz de facelo en Lugo. Falta de capacidade da Xunta ou é que hai outros intereses detrás?

Información sobre radioterapia

No referente á Radioterapia, a discriminación é aínda máis grave, xa que só hai cinco provincias en toda España, ademais de Lugo, que non teñen este servizo. Todas elas teñen a metade de poboación que Lugo ou menos. Son Ávila (171.647 habitantes), Palencia (170.513), Segovia (163.171), Teruel (143.162) e Soria (94.610). Din desde a Xunta que haberá Radioterapia e Medicina Nuclear cando se merquen equipos novos para o resto de hospitais de Galicia, para que a compra saia máis barata. Que clase de tomadura de pelo é esta? No resto de Galicia xa están a renovar os equipos e en Lugo nin sequera o temos? Está de novo a austeridade mal entendida por riba da saúde dos e das lucenses? Xa que nos toman o pelo continuamente, só falta que aforren máis e manden para Lugo os equipos vellos que xa non sirven no resto de provincias.

Desde o PSdeG-PSOE de Lugo esiximos respostas xa, e non imos permitir esta continua discriminación por parte do Goberno de Feijóo.

O PSdeG presentou múltiples iniciativas no Parlamento, nos concellos de Lugo e na Deputación, e seguirá co seu compromiso de apoio aos veciños. Así, estará con eles na recollida de sinaturas para lograr levar unha Iniciativa Lexislativa Popular ao Parlamento galego.

Ademais, o partido acaba de presentar unha emenda para que os Orzamentos da Xunta recollan partidas específicas para os servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear

psoe

Que che pareceu o artigo ?