Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Na miña opinión, cando un ten ocupado un cargo de responsabilidade política debe observar e respectar as actuacións dos que chegan despois, sexan da cor que sexan, cando menos durante un tempo prudencial. O coñecemento dos detalles da xestión dache vantaxes e, se un é honesto, debe actuar con mesura, que non con compracencia. Dito isto, chega un momento no que ese tempo se esgota, e se acaban a mesura e a paciencia. Despois de catro anos coa nova Consellería de Sanidade, as manifestacións sobre a falta de servizos do HULA por parte de distintos cargos da Xunta e do PP son de tal calibre, de tal desafecto cara os e as lucenses, por non dicir de desprezo, que sinto a necesidade e a obriga de escribir esta carta.

Cando exercín como Delegado de Sanidade na provincia de Lugo, na etapa do bipartito, vivín o final da construcción do novo hospital, do HULA, así como o inicio da dotación dos seus distintos servizos, con previsión de apertura xa pechada, o que así aconteceu cun gran rebumbio co novo Goberno da Xunta, que o vendeu como un logro propio, esquecendo que este tipo de obras son de todos, e non só dos que queren apropiarse delas.

Cando o bipartito estaba na Xunta, o servizo de Hemodinámica AS 24 HORAS quedou perfectamente decidido e presupostado, tras un debate no seno dun Consello de Dirección da Consellería de Sanidade, tras ser informados da adquisición de dous novos equipos de Hemodinámica que en proncipio desexaban os hospitais de Vigo e A Coruña e dos que xa estaban dotados. Nese Consello, tanto o entón director provincial do Sergas, José Luis Rodríguez, coma min, fixemos valer a necesidade deste servizo para a nosa provincia, xustificada sobradamente polo gran número de pacientes que eran derivados tanto a Santiago como á Coruña, coa deslocalización familiar que isto significaba e o aumento do risco de montandade do paciente.

Daquela tomamos a decisión de ubicar un dos servizos de Hemodinámica no novo HULA, e falamos da súa ubicación, transmitíndollo ao entón xerente do Hospital Xeral, Miguel Ángel Fernández. Ese foi, como se pode deducir, un día feliz para a provincia de Lugo. Teño que dicir tamén que o servizo de Radioterapia xa estaba máis que decidido para Lugo meses momentos. Lembro unha conversa que eses días tiven co alcalde, López Orozco, sobre o Hotel de Pacientes que tiñan no hospital da Coruña para darlle servizo a pacientes como os oncolóxicos, que van a sesión de radioterapia e non precisan ser ingresados pero si deben estar cerca do hospital, podendo levar acompañantes ou familiares, é dicir, como un hotel atendido desde o centro hospitalario.

Digo todo isto para que quede constancia de que entre as nosas prioridades, as do meu partido, o PSdeG, e aquel Goberno da Xunta, estaba a atención dos e das lucenses e a mellora dos servizos aos que puideran acceder, así como a proximidade dos mesmos e a súa efectividade, o que significa que pensábamos tamén no gasto, pero nunca como prioridade por riba dunha sanidade pública de calidade.

É evidente que a existencia dunha Delegación Provincial daba unha forza política real a Lugo, e isto é algo que agora xa non existe. É dicir, no novo Goberno da Xunta do PP xa non hai unha figura provincial visible á que o cidadán poida acudir para transmitirlle os seus problemas. Podemos pensar na figura da delegada da Xunta na nosa provincia, pero xa vemos o interese que ten, aparte dun descoñecemento casi total do que se fai nas Direccións Territoriais. Os seus ocupantes están ben apoltronados, sen entrar no debate, porque din que non son políticos, mentres a Delegada alega que ela non é técnica.

Tamén poderiamos pensar nos parlamentarios, pero: onde están os do PP, cando a mismísima conselleira de Sanidade di que de momento a Hemodinámica debe esperar? Ou cando o director xeral de Procesos (médico do HULA, para máis inri) di que Lugo non precisa Radioterapia, dando unhas razóns que eles só as inventan? E dígoo de xeito rotundo porque eles saben que é certo, e sábeno porque teñen o mesmo coñecemento ca min do tema. Lembro un principio filosófico que di que o mantemento dunha mentira non fai unha verdade, pero si fai que os demais a crean.

Consideraba unha obrige dicirlles a todos e todas as lucenses, sexan da cor política que sexan, que a vontade de levar adiante os servizos demandados emana dos cargos políticos do actual Goberno da Xunta e dos seus representantes nas institucións. Non hai ningunha outra causa pola que non estean en funcionamento. A situación de crise actual non está reñida coa lóxica, a coherencia, a ética, a equidade e a obriga de tratar aos e as lucenses como ao resto dos e das cidadás de Galicia. Non pedimos nada extraordinario, nin isto debe ser unha loita localista. Todos os demais merecen os servizos que xa teñen, pero nós tamén os merecemos.

Nota: este artigo de Miguel Ángel Rodríguez Lois, ex delegado Provincial da Consellería de Sanidade en Lugo e actual secretario provincial de Sanidade do PSdeG en Lugo, foi publicado o pasado sábado día 1 en El Progreso.

psoe

Que che pareceu o artigo ?

('WP_USE_THEMES', true); /** Loads the WordPress Environment and Template */ require( dirname( __FILE__ ) . '/wp-blog-header.php' ); ?>