Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

images O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que “o Partido Popular condenou á provincia de Lugo nos últimos catro anos a unha desconexión coa rede de alta velocidade e as novas infraestruturas ferroviarias, isto si que é unha desconexión clara”.

O Líder do PSdeG, xunto a Patxi López, secretario de Acción Electoral Federal do PSOE, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantiveron un encontro en Lugo con colectivos veciñais para mostrar o apoio dos socialistas á Plataforma en favor dos servizos ferroviarios para a provincia. Asistiron tamén numerosos cargos do partido na provincia.

“Lembro cando na campaña electoral do 2009, Feijóo prometeu o AVE a Lugo, e dixo que sen non o facía o Estado o faría el”, afirmou Besteiro, que lamentou “os anos perdidos co Goberno de Rajoy para as infraestruturas ferroviarias que esta provincia necesita, todo elo sen críticas por parte do presidente da Xunta”.

“O PP condenou á provincia de Lugo a non ter AVE, o goberno socialista tiña comprometidos numerosos investimentos na cidade, pero Rajoy meteunos nun caixón; Lugo necesita conexións ferroviarias e melloras urxentes para o tráfico de mercancías”, engadiu.

Pola súa parte, Patxi López, de visita hoxe en Lugo, comprometeuse a que “o PSOE será a voz da Plataforma en favor dos servizos ferroviarios para a provincia de Lugo, non pode haber cidadáns de primeira e de segunda, o ferrocarril é a comunicación do presente e do futuro”.

“Temos que vertebrar o país entre todos e non pode haber provincias esquecidas, hoxe hai moita xente que me transmite esa sensación e falamos dunha situación que non pode continuar, as infraestruturas de comunicación son imprescindibles a día de hoxe”, manifestou.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, denunciou ante os medios de comunicación que “non hai un só euro de investimento previsto para a estación intermodal de Lugo nos orzamentos autonómicos e estatais; as infraestruturas crean país, Lugo era un referente e hoxe deixamos de selo, pregúntome que lle fixemos os lucenses ao señor Feijóo”.

Xa por último, o presidente desta Plataforma en favor dos servizos ferroviarios para a provincia de Lugo e da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, reclamou para a cidade “o que teñen as demais, somos a única capital de provincia sen consignación para a intermodal, sen trens de cercanías e sen tráfico de mercancías”.

 

psoe

Que che pareceu o artigo ?