Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Campos Conde, Méndez López, Santos Ramos, e Lago Lage, leron este manifesto co que trasladan “o seu firme compromiso de defender a chegada do AVE a Lugo, ao igual que o resto da comunidade galega”

Feijóo afirmou en precampaña que “será o compromiso do meu Goberno que a Xunta lidere e realice as obras do AVE Lugo-Ourense. Despois, xa lle pasaremos a factura a Fomento”. Oito anos despois, nada fixo

Estímase que a chegada do AVE é capaz de xerar beneficios, no conxunto dunha Comunidade, de 70 millóns de euros anuais, así como 700 novos postos ao ano

Medio cento de representantes socialistas a nivel local, provincial, autonómico, estatal e europeo asinaron este sábado en Lugo o manifesto AVE a Galicia 2019, AVE a Lugo 2019. Son os primeiros Alcaldes, voceiros, Deputados Autonómicos, provinciais e estatais; así como o representante no Senado e no Parlamento Europeo, que asinaron o manifesto en defensa da Alta Velocidade na provincia. Este será remitido a toda a provincia para recadar o apoio xa expresado de todos os compañeiros do PSOE na provincia de Lugo, así como de militantes e simpatizantes. Con este manifesto o PSOE da provincia traslada o seu firme compromiso de defender a chegada do ave a Lugo, ao igual que o resto da comunidade galega.

Download (PDF, 429KB)

O Presidente socialista da Deputación, Darío Campos Conde; a Alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez López; o voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Xestora Provincial, Luís Ángel Lago Lage; leron este documento elaborado coa colaboración dos representantes lucenses socialistas das principais institucións, e coordinado por Santos Ramos.

O Presidente destacou que “dende os Gobernos do Partido Popular, prometían que a Alta Velocidade era positiva para a provincia, e que o farían. Pero a realidade é que nada de nada. Creo que debemos traballar todos, involucrando á xente, para que o AVE a Lugo sexa unha realidade. Temos que conseguilo, porque é de xustiza”.

A Alcaldesa subliñou que “a Alta Velocidade é unha reivindicación, máis que xusta, imprescindible para conseguir un desenvolvemento social e económico en condicións para Lugo. Os socialistas non só reivindicamos senón que, cando podemos, nos comprometemos dende as institucións, a través do BOE e do DOG, que é onde realmente se materializan os compromisos”.

O Presidente da Xestora remarcou que “cos orzamentos do estado para esta ano vemos, unha vez máis como a conexión de AVE a Lugo desaparece por completo do mapa a nivel estatal, de feito, somos a única capital de provincia que non conta con Alta Velocidade”.

O voceiro do Grupo Provincial Socialista apuntou que “é absolutamente necesario o AVE para poder medrar como provincia e porque non podemos consentir que nos sigan enganando e relegando despois de todo o esforzo feito durante os últimos anos”. Neste senso, Santos Ramos recoñeceu a grande labor que están a realizar os representantes socialistas a todos os niveis para conseguir que o AVE sexa unha realidade.

 

Mentiras da Xunta de Feijóo

Os socialistas salientaron o ocorrido no ano 2009, durante un mitin de precampaña do Partido Popular na cidade de Lugo, Feijóo, candidato á Presidencia da Xunta por aquel entón, xunto a Rajoy, líder da oposición do PP no Goberno Central, dixo, textualmente: “Será o compromiso do meu Goberno que a Xunta lidere e realice as obras do AVE Lugo-Ourense. Despois, xa lle pasaremos a factura a Fomento”.

Oito anos despois destas declaracións públicas, producíronse dous grandes cambios:

  • Feijóo e Rajoy acadaron as presidencias da Xunta de Galicia e do Goberno Central.
  • E Lugo desapareceu do mapa da Alta Velocidade, converténdose na única capital de España e na única provincia galega sen AVE.

Feijóo e Rajoy, non só mentiron e enganaron reiterada e descaradamente a todos os lucenses, senón que lapidaron o futuro da provincia. E fixérono con toda a absoluta complicidade do conxunto dos seus compañeiros do Partido Popular de Lugo, que, esta semana, tras a presentación dos Presupostos Xerais do Estado, ata se amosaron gratamente satisfeitos, tras certificar o enterro do AVE na nosa provincia.

Beneficios da chegada do AVE

A chegada do AVE a outras provincias supuxo o maior impacto social, urbano e económico do século. Por exemplo, no ano 1992, nacía unha nova cidade no centro de Córdoba coa posta en marcha da Alta Velocidade, pois supuxo un enorme cambio para o turismo, dinamizou a economía, e uniu esta cidade co resto de España. Madrid quedou a dúas horas e Sevilla a 45 minutos. Despois chegaron as conexións con Barcelona, Valencia ou Alacante. Todo isto, supuxo que o número de hoteis en Córdoba pasasen dos 20 aos 2.000 e as prazas das 2.800 ás 5.400.

E mentres se observan as importantes oportunidades que supuxo a chegada do AVE a outras provincias; –pois estímase que é capaz de xerar beneficios, no conxunto dunha Comunidade, de 70 millóns de euros anuais, así como 700 novos postos ao ano–; o Partido Popular pretende deixar aos lucenses desconectados da modernización e do futuro.

Sen AVE, a provincia de Lugo non existirá no mapa do Estado e os cidadáns quedarán totalmente descolgados, pois o PP, a maiores, tamén deixa á provincia sen autovías a Ourense, a Santiago e á Mariña.

Cronoloxía dos feitos

No ano 2009, o Ministro de Fomento e o Presidente da Xunta de Galicia asinaron o “Pacto do Obradoiro”, reclamado polo Presidente Galego e no que se recolle, entre outros, que no ano 2012 as cidades de Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Pontevedra estarían conectadas entre si por unidades AVE; ou que, en torno a finais de 2015, se completaría a execución da alta velocidade en Galicia, na que se incluiría a liña Ourense – Lugo.

De este xeito, acadaríanse tempos de viaxe altamente competitivos, estimándose a conexión con Madrid desde Vigo, Lugo e A Coruña ao redor das 3 horas. Na actualidade o Pacto do Obradoiro non está sendo cumprido polo Ministerio de Fomento, nin esixido polo Presidente da Xunta.

O 4 de Agosto de 2010, asínase un Protocolo entre Concello de Lugo, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e Adif para a implantación dunha estación intermodal en Lugo. O Ministerio de Fomento encarga a redacción do proxecto de Intermodal, licítao e adxudícao á empresa UTE EPTISA SERVICIOS DE INGENIERÍA o 28 de Abril de 2011, por un importe de 771.063,00, IVE incluído. No 2012, despois de ter mudado o Goberno Central, o Partido Socialista comeza a facer un seguimento da execución do contrato para a redacción do proxecto da Intermodal. Realízanse entón varias preguntas ás que lle contestan que os trámites discorre de maneira formal e en tempo. No 2013, ante a desconfianza de que a resposta sexa sempre a mesma, o Partido Socialista decide pedir o expediente completo e que lles permitiu descubrir que estaban a mentir e que non todo ía en tempo e forma.

Primeiro houbera un reaxuste de anualidades que prevía acabar en 2013 a redacción do proxecto.

En abril de 2012, hai unha anulación do contrato e liquídase o mesmo coa empresa mediante o abono do certificado, por valor de 160.780,90 €.

O 3 de febreiro de 2017, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda saca a licitación a elaboración dos estudos previos para a integración da Estación de Autobuses de Lugo na Estación de Ferrocarril, dando a coñecer a verdadeira intención do Goberno Autonómico con respeto á Alta Velocidade a Lugo. Deste xeito, recoñeceron que o AVE de Lugo estará en Ourense ao dicir que Lugo contará cunha conexión de alta velocidade ferroviaria Ourense – Madrid e quedando Lugo 15 minutos máis cerca de Ourense, coa variante de Pobra de San Xiao.

O plantexamento sostido polo Goberno da Xunta de Galicia e, nomeadamente polo seu Presidente, propón o desenvolvemento da alta velocidade a Lugo unha vez que esta teña chegado a Ourense. Isto significa que, a chegada do AVE a Lugo tardará en chegar entre 3 e 5 anos máis, ao que habería que sumar os 5 anos de atraso provocados polo Goberno Central, coa renuncia ao contrato da Intermodal e coa eliminación de investimentos durante anos.

Unha vez coñecida a proposta de Orzamentos do Estado para o ano 2017, confírmase a verdadeira intención do Goberno Central de deixar a Lugo fóra da Alta Velocidade en Galicia, sen prever nin un só euro de investimento para a Estación Intermodal de Lugo, e unha cantidade de 100.000 € para Alta Velocidade, que non chega a nada.

Representantes institucionais de todos os ámbitos

O manifesto AVE a Galicia 2019, AVE a Lugo 2019 foi asinado por o Presidente socialista da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o voceiros do Grupos Provincial Socialista, Álvaro Santos Ramos, o voceiro  do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández; os Deputados Socialistas no Parlamento de Galicia, Luís Álvarez García, Concepción Burgo López, José Antonio Quiroga Díaz; o Senador socialista de Lugo, Ricardo Varela; a Deputada socialista de Lugo no Congreso dos Deputados, Margarita Pérez Herraiz, o Eurodeputado, José Blanco; así como Alcaldes e portavoces socialistas da provincia.

Que che pareceu o artigo ?