Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os 28 alcaldes da provincia néganse a acudir a un acto da Xunta no que presentan o plan para arranxar camiños nos concellos da provincia para “por un recorte que deixa nunha grave situación a moitos concellos”

Todos os alcaldes do PSOE decidiron hoxe non acudir a un acto de presentación do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia porque consideran “unha burla do Partido Popular que recolla unha redución de máis de 6 millóns de euros con respecto ao ano pasado que van deixar de recibir todos os nosos veciños”.

En nome dos rexedores socialistas, o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, denunciou que o ano pasado a contía do devandito plan, que serve para arranxar os camiños municipais,  ascendeu a case 5,4 millóns de euros, mentres que este ano e o que vén se reduce en case un 62% con respecto ao 2016. É dicir, máis de 6 millóns de euros de recorte para os 67 concellos da provincia.


Os alcaldes socialistas inciden en que este recorte deixa en situación moi grave a moitos concellos xa que, nalgúns casos “esta axuda é a única que reciben por parte da Xunta e pode chegar a supoñer ata o 50% do seu capítulo de inversións”.

Maseda destacou que o novo plan que contempla a Xunta é bianual. Isto significa que os concellos non só reciben unha cantidade de cartos máis baixa que o ano anterior, senón que teñen que repartila en dous anos. “É a dobre rebaixa do Partido Popular cos nosos veciños: menos cartos e por riba a repartir en dous anos”.


Os alcaldes socialistas afirman que levan anos sendo respectuosos cos actos organizados na provincia pola Xunta de Galicia, pero aseguran que xa están fartos de que “nos chamen só para facer unha foto e, a renglón seguido, saír coas mans baleiras”.

A lexislatura do rural do Presidente da Xunta

No acto, os rexedores socialistas lembraron que na última campaña electoral e na súa investidura, Alberto Núñez Feijóo dixo que esta ía ser a lexislatura do rural. Por iso, denuncian que cun recorte de máis de 6 millóns de euros para arranxar camiños dos 67 concellos da provincia, a Xunta do Partido Popular maltrata o medio rural e non cumpre a súa palabra. Lembraron, ademais, a promesa do PP de destinar 200 millóns de euros para fixar poboación no medio rural e pregúntanse onde están.

Por todos este datos, os rexedores socialistas cren que hoxe tamén deberían plantarse ante a Xunta de Galicia os alcaldes do Partido Popular para defender os seus veciños, porque tamén sofren este recorte. Maseda lembrou que “só uns poucos concellos populares reciben importantes convenios excepcionais pola porta de atrás que, sospeitamos, saen dos 6 millóns de euros que recortan dos concellos”.

Tamén se referiron ás palabras da Conselleira do Medio Rural ao tomar posesión dicindo que ía defender o municipalismo porque foi alcaldesa. “Creo que a Conselleira desertou da súa condición de ex-alcaldesa, esquecéndose totalmente dos concellos”, asegurou Maseda.

Que che pareceu o artigo ?