Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O voceiro do PSdG-PSOE de Baleira, Javier Núñez, reclama un pleno extraordinario para pedir á Xunta que non amortice a praza do facultativo que acaba de xubilarse, deixando un só médico de cabeceira no centro de saúde

Núñez lembra que a perda dun segundo médico vese agravada pola dedicación que o facultativo titular ten como alcalde do concello, o que fai que os seus doentes teñan que ser atendidos por diferentes facultativos substitutos

Os socialistas de Baleira din que en épocas de vacacións, coma no verán, aumenta a demanda de servizos sanitarios, ademais da afluencia de peregrinos

Núñez advirte que “dende o Grupo Socialista non permitiremos que os recortes da Consellaría de Sanidade incidan na saúde dos veciños de Baleira, recortando un servizo esencial no rural”

O voceiro do PSdeG-PSOE de Baleira, Javier Núñez, solicita un pleno extraordinario para demandar á Consellería de Sanidade que contrate un novo facultativo para o centro de saúde e que non amortice a praza do médico que acaba de xubilarse. No pleno, que se celebrará o mércores día 7 de xuño ás 9.00 da mañá no Concello, os socialistas defenderán que se sigan mantendo as dúas prazas de facultativos que existiron ata o de agora e que non se elimine unha.

Javier Núñez lembra que a falla deste médico vese agravada pola dedicación que o facultativo titular ten como alcalde do concello. Isto provoca que un día á semana, como mínimo, os seus doentes teñen que ser atendidos por diferentes facultativos que veñen a substituílo.

O voceiro socialista advirte na súa moción que as carencias do centro de saúde de Baleira increméntanse en épocas de vacacións, coma no verán, ao aumentar a demanda de servizos sanitarios. Sen esquecer a grande afluencia de peregrinos que pasan por este concello e que tamén precisan asistencia sanitaria en moitas ocasións.

Servizo esencial no rural

Núñez lembra que “un Concello como o de Baleira, no que o avellentamento da poboación é moi elevado, provoca unha alta demanda de citas e iso deriva no colapso do centro médico”. Ademais diso “a dispersión dos núcleos de poboación e a distancia destes ó Centro de Saúde do noso Concello é outro factor a considerar”. O voceiro socialista tamén puntualiza que cun só medico no centro de saúde cada vez que ten que desprazarse a unha urxencia ou a un domicilio fóra do centro, “o servizo queda abandonado”.

Por todo isto, Núñez advirte que dende o Grupo Socialista “non permitiremos que os recortes que executa a Consellaría de Sanidade incidan deste xeito na saúde das persoas, mermando a calidade asistencial dos habitantes do noso Concello. Non debemos permitir que se maltrate deste xeito o rural galego, a comarca da Montaña Lucense e en particular o noso Concello, o Concello de Baleira, recortando un servizo esencial no rural”, resumiu.

Que che pareceu o artigo ?