Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Concepción Burgo afirma que “teñen todos os elementos para ser consideradas xacementos arqueolóxicos” e ser incluídas no Patrimonio Cultural de Galicia

A portavoz de Cultura do grupo socialista no Parlamento, Concepción Burgo, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta a inclusión das covas de San Xoán Vello e da Doncela, sitas en San Xoán de Covas (Viveiro) no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, así como a adopción, no menor tempo posible, de “todas as medidas necesarias para protexer este patrimonio”.

Burgo afirma que estas covas “teñen todos os elementos para ser consideradas xacementos arqueolóxicos e por tanto para ser protexidas, analizadas e investigadas pola Dirección Xeral de Patrimonio para evitar un maior deterioro e poñelas en valor”. De feito, a socialista lembra que o goberno local de Viveiro, xunto coa asociación Mariña Patrimonio, vén de solicitarlle á Dirección Xeral a súa protección e inclusión no inventario de xacementos arqueolóxicos e a súa catalogación, “dados os importentes valores arqueolóxicos que se atopan nelas”.

Entre outras cousas, a socialista destaca nas súas iniciativas que hai claros indicios de que na cova de San Xoán Vello existiu unha igrexa rupestre, que sería a antiga igrexa parroquial de Covas, e que estaba construída nunha antiga galería mineira, posiblemente relacionada coa explotación do Forno de Mouros que se atopa a un quilómetro. A Asociación Mariña Patrimonio solicitou en febreiro de 2016 a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos e denunciou a actividade de posibles espoliadores que estaban a escavar na antiga igrexa rupestre, “un espolio que continuou nos meses seguintes, pero a Xunta non fixo nada ao respecto”, denuncia Burgo.

No referente á cova da Doncela, a citada asociación solicitou a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos pero o Servizo de Patrimonio rexeitouno en 2016 baseándose que na zona había explotacións mineiras de ferro da época contemporánea. “Mais Mariña Patrimonio ten informes xeolóxicos que indican que na zona non hai ferro e a cova ten claros indicios, pola forma en que están picadas en rocha as dúas trincheiras e as galerías e a inexistencia de barrenas de perforación, de que alí houbo unha explotación mineira antiga”, explica a deputada.

Segundo a Lei 5/2016, do 4 de maio, “integran o patrimonio arqueolóxico de Galicia os bens de patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, mobles e inmobles, susceptibles de ser estudados con método arqueolóxico, fosen extraídos ou non e tanto si se encontran na superficie como no subsolo, nas augas interiores ou no mar territorial. Así mesmo, forman parte deste patrimonio os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados ca historia humana, as súas orixes, os seus antecedentes e o seu desenvolvemento sobre o medio”. Por tanto, “dende estes presupostos ambas covas teñen os elementos para ser consideradas xacementos arqueolóxicos”, conclúe.

Que che pareceu o artigo ?