Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Concepción Burgo reclama ademais que os grupos poidan convidar a expertos á comisión do Parlamento para analizar os datos e trasladar as súas propostas

A deputada lucense Concepción Burgo vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia nas que lle solicita á Xunta que presente na Comisión de Sanidade os datos e a análise do Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio, un rexistro creado en 2015 tras a presión social pola necesidade da Hemodinámica 24 horas no HULA e do que nada se sabe desde hai case un ano e medio. Burgo lembra que os datos estatísticos e os profesionais sanitarios xa avalaron a necesidade deste servizo, e reclama ademais que os grupos parlamentarios “teñan a posibilidade de convidar aos expertos que consideren necesarios” nesta Comisión para analizar estes datos e aportar propostas.

A socialista lamenta “as promesas feitas publicamente polo presidente Feijóo que foron incumpridas” e a presentación dunha ILP firmada por máis de 41.000 veciños e veciñas coa reivindicación do servizo 24 horas que “o PP baleirou de contido”, polo que a hemodinámica en Lugo “fundamental para salvar a vida dos pacientes”, segue a ter “horario de oficina, de luns a venres de 9.00 a 15.00”. Burgo apunta que cada vez que os socialistas trasladaron esta petición, desde o PP se lles remitiu a este rexistro galego de infartos, do que levan sen presentar datos desde marzo de 2016.

Nos datos do Rexistro Galego de marzo de 2016, afirma a socialista, “xa se demostraba que había diferenzas moi notables de tempo de atención aos infartados entre as distintas áreas sanitarias, sendo en Lugo onde máis tardaba superándose con moito os límites admitidos”. Así, a información do rexistro desvelaba datos como que os infartados de Lugo esperan 80 minutos máis que os de Santiago ata que son intervidos para abrir a arteria causante do infarto. A pesar diso, “a consellería afirmou que non había datos suficientes para ter conclusións claras” e que era necesario continuar co rexistro. “Semella que o goberno de Feijóo está bsucando escusas e tentando confundir á cidadanía para non cumprir as promesas feitas”, conclúe.

psoe

Que che pareceu o artigo ?