Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Barreiros, 29 de xaneiro de 2018.- A nova Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo” o proxecto de recuperación deste Concello, que “o Partido Popular, á fronte do goberno municipal dende hai décadas, mantén totalmente abandonado, sendo hoxe o Concello da Mariña coa maior taxa de paro con respecto a súa poboación mentres tamén é o Concello de toda Galicia co IBI máis alto”. Así o subliñaron os 10 socialistas que integran a renovada Executiva do PSOE de Barreiros, pois o 70% dos seus membros son de nova incorporación, tras celebrar a asemblea de votación dos representantes da mesma.

 

“O proxecto de recuperación do futuro de Barreiros”, que arranca a nova Executiva Socialista neste municipio, pasa polo “traballo sen pausa en defensa dos dereitos dos nosos veciños, como a prestación de servizos públicos de calidade ou a xeración de oportunidades económicas no noso Concello, que dende hai décadas non fai o PP de Fuente Parga.

 

Os socialistas explicaron que “Barreiros non prosperou co paso dos anos, todo o contrario, o PP situouno no esquecemento, obrigando á xente a marchar e facendo que a vida sexa máis e máis  precaria. O Partido Popular conseguiu que a taxa de paro do Concello, con respecto ao número de habitantes, sexa a máis alta da Mariña; que sexamos os veciños de toda Galicia que máis pagamos polo IBI ou que o 70% do municipio non conten nin tan sequera con saneamento. E os poucos que hai están en malas condicións, como é o caso da EDAR de San Miguel, que provoca vertidos ás praias que ata obrigan a pechalas”.

 

“Cada ano temos menos xente porque a desidia do PP é tal que nin tan sequera aproveita as oportunidades económicas que por si mesma ten Barreiros. O mellor exemplo disto son as nosas praias que, pola súa beleza única, visitan centos de persoas. Pasamos de contar con 8 bandeiras azuis a non ter ningunha. Fuente Parga nin se molesta xa en solicitalas porque non ten pensado facer nada para conservalas e dotalas de servizos públicos, nin tan sequera pedirlle aos seus compañeiros do Partido Popular, á fronte das administracións con plenas competencias na materia, como son a Xunta de Galicia e o Goberno Central, que o fagan”.

 

“Cunha poboación cada vez máis avellentada, o PP non quixo nin traballou para que Barreiros contase cun centro de día. Hoxe os nosos maiores van a Lourenzá, Ribadeo ou a centros privados fóra do Concello. Pagamos máis impostos, temos menos servizos públicos e de peor calidade, menos emprego e pensións á baixa polas decisións do PP alá onde goberna”, destacaron.

 

Secretarías para o proxecto de recuperación do futuro de Barreiros

Para o desenvolvemento do “proxecto de recuperación do futuro de Barreiros” a renovada Executiva Socialista de Barreiros conta coas seguintes secretarías:

 

– Secretaría Xeral: de novo á fronte de María Carmen Veiga Rodríguez, “loitadora, incansable, namorada de Barreiros, socialista de ideoloxía e socialismo como ideario de vida”, destacaron os seus compañeiros.

 

– Presidente e Secretaría de Maiores: á fronte estréase José Terrón Cantil, de 76 anos de idade, “o mozo máis maior da agrupación, incansable socialista, traballador e sempre compañeiro”.

 

– Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Medio Rural e Urbanismo: á fronte estrease Jorge David Vázquez Grande, de 36 anos. É gandeiro, profesión que compatibiliza co remate dos seus estudos como Técnico Superior de Paisaxismo e Medio Rural.

 

– Secretaria de Organización: de novo á fronte de Benito Longarela Geada, “un dos xermes do PSOE de Barreiros”, con máis de 30 anos de militancia no Partido Socialista e sempre defensor das políticas socialistas, de xeito especial no Concello, pois formou parte da Corporación Municipal durante 16 anos.

 

– Secretaría de Política Municipal, Acción Electoral, Relacións Institucionais, Movementos Veciñais e Redes: de novo á fronte de Miguel Veiga Rodríguez, “socialista con maiúsculas, exixente, traballador, crítico e sempre defensor da xustiza social”.

 

– Secretaría de Igualdade, Sanidade e Servizos Sociais: á fronte estréase Ángeles López López, socialista vinculada profesionalmente á prestación de servizos sociais a maiores.

 

– Secretaría de Emprego e PEMES: á fronte estrease Miguel Barrera Longarela, “grande defensor da política como servizos social e do socialismo como único instrumento para unha acadar a xustiza social e unha sociedade exitosa”.

 

– Secretaría de Turismo, Medio Ambiente e Enerxías Renovables: á fronte estréase María Jesús Jover-Peralta Pane, veciña de Barreiros, nada en Arxentina. É unha grande defensora do intercambio de experiencias turísticas e culturais como factor enriquecedor dun país. De feito, viviu 17 anos en Tokío, entre outros países. Fala xaponés, alemán ou inglés. A súa vida sempre estivo vencellada ao socialismo, pois seu pai foi Ministro do PSOE en Paraguai.

 

– Secretaría de Educación, Igualdade e Mocidade: á fronte estréase Silvia Otero Moirón, mestra de Ensinanza Secundaria de 23 anos de idade.

 

– Secretaría de Administración: de novo á fronte de José Antonio Otero Ramos, “incansable socialista, comprometido co socialismo e crítico”.

 

Presidente de Honor

A Executiva do PSOE de Barreiro conta ademais cunha Presidenta de Honor, que é Pilar Cancela Rodríguez “pola súa acérrima defensa de facer sempre socialismo, de loitar pola igualdade e o galeguismo”, así como polo “especial cariño que ten demostrar ter polo Concello de Barreiros e polos seus compañeiros nesta agrupación”.

Que che pareceu o artigo ?