Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

 

 

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santo Ramos, e a Deputada do PSOE por Lugo no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, valoraron este martes a reunión que o Partido Popular de Lugo, encabezado por Elena Candia, mantivo na capital de España con representantes de ADIF. Santos Ramos destacou que “Candia viaxou a Madrid co seu cortexo fúnebre a certificar a defunción da chegada do AVE á provincia de Lugo, a certificar que os lucenses collerán o AVE en Ourense mentres goberne o PP e a certificar o desprezo do Partido Popular cos lucenses, tratándonos como cidadáns de terceira”.

 

Os socialistas subliñaron que “o PP de Lugo de novo se burla da intelixencia dos lucenses, pois toda a información que transcendeu da reunión de hoxe con representantes de ADIF é exactamente a mesma que recolle o Presuposto Xeral do Estado para 2017, presentado hai 9 meses, o pasado mes de abril, do que, “aínda que ao PP lle pareza imposible, todos os lucenses nos lembramos”.

 

Neste senso, explicaron que “falan dun proxecto de 700 millóns de euros para mellorar a línea de Lugo a Ourense, non para a chegada do AVE a Lugo. E máis, nin tan sequera falan da imprescindible estación Intermodal para que a chegada da Alta Velocidade á provincia lucense sexa posible. Ditos fondos son os xa previstos por Fomento no 2017 (cuxo nivel de execución se descoñece), 2018, 2019 e, cando menos, tamén no 2020 para, exclusivamente, mellorar a actual línea ferroviaria de Lugo a Ourense. Son as previsións económicas que Fomento deu a coñecer en abril”.

 

Polo tanto, “o PP volve a mentir e a burlarse dos lucenses, facendo crer que trae novas e boas noticias para Lugo sobre a Alta Velocidade tras o seu paseo mediático a Madrid. O único que fixeron foi certificar a defunción do AVE a Lugo, sepultar a chegada da Alta Velocidade na nosa provincia mentres goberno o Partido Popular”.

 

“A situación é a mesma. O PP segue empeñado en que Lugo sexa a única provincia galega sen Alta Velocidade e en que os lucenses, aos que trata de cidadáns de terceira, vaiamos a coller o AVE a Ourense se queremos empregalo, pois na súa provincia non o van a ter. Como moito, contarán, se compren coas súas irrisorias promesas cos veciños de Lugo, con melloras, totalmente insuficientes, na actual línea ferroviaria, que hoxe xa é das peores de España”.

 

O PP non di o mesmo en Lugo que en Madrid

Pérez Herraiz insistiu en que toda esta información se pode contrastar no documento oficial sobre o Presuposto Xeral do Estado de 2017. A Deputada apuntou ademais que o PP no Congreso nunca fala de AVE a Lugo, pois as súas palabras exactas son “melloras nos tempos de viaxe cando o AVE chegue a Ourense”, tal e como se pode comprobar nas comparecencias públicas do Secretario Xeral de Fomento, Manuel Niño, ou nas respostas oficiais deste departamento a preguntas da socialista.

 

Neste senso, destacou que o pasado mes de xuño, cando a socialista preguntou pola supresión de pasos a niveis, o Secretario de Fomento respondeu que “na planificación de supresión de pasos a nivel na provincia de Lugo só figura un situado en Guitiriz”.

 

Ao respecto do aparcadoiro, Pérez Herraiz lembrou que en abril, cando preguntou a Niño sobre este asunto a resposta foi que este respondeu hai 9 meses que “se está estudiando a viabilidade de pór ese terreo en explotación, tendo en conta sempre o equilibrio entre a viabilidade económica e a atención do viaxeiro, sen ben actualmente non figura dotación presupostaria”.

Que che pareceu o artigo ?