Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Concello de Foz vive nun estado de bloqueo e parálise de forma permanente. Os grandes asuntos pendentes: urbanismo, residencia, xestión da auga e depuradora seguen sen ningún avance. O reloxo corre e a incapacidade do alcalde para xestionar e solucionar os problemas da vila son cada vez máis palpables e visibles.

En marzo de 2016 acórdase a aprobación provisional do Plan Xeral despois dun longo itinerario que se iniciou no 2007 cunha primeira aprobación e de que se retomase no pleno de 26 de setembro de 2013, coa adaptación á nova normativa.

Un documento con un período de elaboración de máis de 10 anos, no que traballaron multitude de técnicos e organismos e que a día de hoxe segue igual, sen ter a aprobación definitiva. Aínda non sendo un documento pechado, xa que pode ser mellorado de novo nun futuro próximo, agora máis que nunca é necesaria a súa aprobación definitiva.

Para poder facilitar a educación, a sanidade, a atención ós nosos maiores, precisamos dunha serie de equipamentos nos que ofrecer estes servizos. É por iso que nos plans xerais de urbanismo se reservan bolsas de solo, de forma que ó medrar as vilas e cidades poidan aumentar tamén, na mesma ou en maior proporción, os servizos que os concellos ofrecen ós seus cidadáns.

É igualmente moi importante garantir a existencia de zonas verdes e deportivas, que actúan como zona de esparcimento, pulmón das cidades, contribúen a fixar o CO2 da atmosfera e melloran a calidade de vida dos cidadáns.

Estes equipamentos e zonas verdes precisan de reservas de solo. O repunte das construcións no Concello, baseadas nun planeamento urbanístico completamente antigo e desfasado -normas subsidiarias do ano 1981- poden limitar os servicios futuros de Foz. O PXOM, aprobado de forma inicial pero que non está aínda vixente, marca unha serie de zonas dotacionais e verdes que poden estar ameazadas polas obras baseadas en antigas licencias. É obriga do alcalde e do equipo de goberno perseguir a aprobación definitiva, para garantir a reserva de solo e asegurar unha edificabilidade sostible.

O 22 de decembro do ano pasado (2017) entra en xogo unha nova figura, coa publicación no DOGA do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia. Este instrumento urbanístico será de aplicación nos concellos que carezan de Plan Xeral de Ordenación Municipal, como é o caso do Concello de Foz, que dispón dunhas normas subsidiarias obsoletas.

Así, establécese un novo documento urbanístico que é de obrigado cumprimento, que condiciona as tipoloxías e construcións que poidan facer os veciños e veciñas do municipio, xa que ten carácter normativo e non unicamente informativo.

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Foz vén de presentar 3 mocións que se debaterán no pleno do vindeiro xoves, para desbloquear dunha vez por todas o urbanismo sostible que tódolos veciños merecen e protexer a seguridade xurídica e os servicios públicos futuros:

1) Moción para instar á Xunta de Galicia a que clarifique a situación do PXOM de Foz e que técnicos da Xunta e de Augas de Galicia propoñan solucións reais para desbloquear e garantir a aprobación definitiva do Plan Xeral.

2) Moción para instar á Xunta de Galicia a que clarifique a incidencia do Plan básico autonómico e a concordancia coas Normas Subsidiarias en vigor e que se estableza un calendario con reunións nas parroquias para informar a tódolos veciños por técnicos competentes na materia.

3) Moción para a análise das licencias concedidas e sen autorización de ocupación. Iniciar os expedientes de caducidade en casos nos que sexa tecnicamente posible ó amparo da lexislación e os solares estean clasificados como verdes ou de uso dotacional no novo Plan Xeral.

É obriga dos gobernantes xestionar, resolver obstáculos e anticiparse ós problemas futuros. Quen non o queira ou saiba facer, que deixe paso. Foz ben o merece.

Que che pareceu o artigo ?