Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A voceira socialista de Folgoso do Courel, Carmen Álvarez Álvarez, avanzou hoxe que defenderá dúas mocións no vindeiro pleno que se celebrará este venres. “Por unha banda demandaremos na sesión plenaria unha liña de transporte público no Concello, e tamén, defenderemos outra iniciativa para acadar un sistema público de pensións con maior capacidade de redistribución e a redución das desigualdades”, sinalou a voceira.

Carmen Álvarez explicou que na moción sobre o transporte  “demandamos á Xunta instaurar servizos de transporte público de viaxeiros no noso Concello incluíndoos no Plan de Transporte Público de Galicia, para que comuniquen regularmente o noso Concello coa capitalidade provincial e comarcal, así coma co Concello limítrofe de Pedrafita do Cebreiro”.

Denuncia que calquera veciño do Courel para asistir a unha consulta médica a Lugo, ou xestionar outro tipo de asuntos, teñen que alugar un taxi, senón contan cos medios propios, cun custe para cada usuario de 120 euros a Lugo, e 70 a Monforte de Lemos. Replica que  “a meirande parte dos veciños contan cunhas pensións mínimas de 606 euros e que si teñen que pagar os gastos extras dun taxi que lles quedaría para comer?, preguntase. “Ademais, tampouco temos transporte dende as distintas poboacións o centro médico”.

A voceira lembra na moción que “a Xunta de Feijoo e do PP esquécese unha vez máis da situación demográfica e territorial da provincia de Lugo, quedando os concellos máis desfavorecidos desprovistos dun servizo de calidade. Mais a estruturación deste plan afecta tamén aos eidos empresarial e laboral, coa estimación de que se perdan un millar de postos de traballo e que as pequenas empresas que prestan servizos no rural, vexan reducida a súa carga de traballo un 70%”, advertiu.

“Dende o Grupo Municipal Socialista consideramos que o desenvolvemento económico e territorial da nosa comunidade pasa por establecer plans que conten coas necesidades de tódolos axentes implicados, sempre mirando cara un desenvolvemento harmónico e sostible”, sinalou.

Álvarez denuncia na moción das pensións que “as políticas do PP representan unha seria ameaza para o sistema público de pensións. Coas súas políticas de emprego o Goberno de Rajoy puxo en perigo a sustentabilidade económica das pensións, que entraron nun período de déficits constantes e crecentes; e co novo mecanismo de revalorización, que se desvincula do poder adquisitivo e co factor de sustentabilidade, que axusta o importe da pensión en función da esperanza de vida, condénase aos pensionistas a un progresivo empobrecemento. E todo iso, fixérono mediante a imposición, sen diálogo social e rompendo unilateralmente o consenso do Pacto de Toledo. Con estas políticas o PP está a preparar o camiño para os Fondos de Pensións privados, en detrimento do Sistema Público de Seguridade Social”.

Os resultados desta política están á vista: progresiva perda de poder adquisitivo das pensións, sensación de incerteza nos actuais xubilados sobre se o Estado será capaz de pagar as súas pensións nos próximos anos, sentimento de inxustiza naqueles que contribúen ao sistema pero dubidan de que este lles poida proporcionar unha pensión digna nun futuro a 10 ou 20 anos vista, e desesperanza case absoluta por parte da mocidade en que algún día poidan contribuír e ser protexidos polo sistema.

Novo modelo para reequilibrar o sistema

O PSOE defende un novo modelo para reequilibrar o sistema de pensións, manténdoo gasto, racionalizando outras partidas e incrementando os ingresos do sistema. Por todo isto demandamos “volver ao consenso de 2011; garantir o poder adquisitivo das pensións, recuperando a actualización das mesmas conforme ao IPC; eliminar o factor de sustentabilidade establecido polo PP na Lei 23/2013; incrementar os ingresos do sistema; mellorar a natureza protectora do sistema modernizando a xestión do Fondo de Reserva a través dunha mellora da súa regulación; adoptar medidas específicas para ir eliminando progresivamente a brecha próxima ao 40% existente, e por último , reclamamos introducir no Pacto de Toledo, un novo principio de “reequilibrio orzamentario”, un concepto que implica unha procura constante de racionalización de gastos e de axuste de ingresos cada ano, e que terá efectos no medio prazo e ata finais dos anos 40 do século XXI”, resumiu.

Que che pareceu o artigo ?