Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Socialistas de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei mantiveron un encontro este sábado, no que abordaron “a constante perda de servizos públicos” na Comarca da Ulloa dos últimos anos “froito do desmantelamento dos mesmos e do brutal ataque ao rural por parte do Partido Popular dende a Xunta e o Goberno Central, así como da absoluta desidia dos Alcaldes da Ulla, que demostraron non defender os intereses dos seus veciños, pois amósanse impasibles ante todo isto”.

 

Na reunión, na que participou o Coordinador coa Comarca da Ulloa da Executiva Provincial Socialista, Rafael García Figueiras, os socialistas afondaron, especialmente, sobre o último servizo público afectado, que é o de transporte público de viaxeiros, que a Xunta de Galicia do PP vén de recortar, suprimindo liñas.

 

Neste senso, explicaron que das 3 liñas de autobús que partían da Comarca da Ulla cara a cidade de Lugo pola mañá, con chegada á capital luguesa ás 07.45, 10:15  e 12:30 horas; os veciños quedan tan só cunha, que chega á cidade ás 11:50.

 

“Isto é un agravio para todos os veciños da Ulloa en xeral, que empregan este servizo a diario para ir ao HULA ou para outros trámites ou fins na capital luguesa.  Especialmente, afecta aos estudantes da Comarca, que contaban cunha liña específica en horario lectivo, con saída de Antas de Ulla ás 07:00, pasando por Monterroso e Palas de Rei, e con chegada a Lugo ás 07:45 horas”.

 

Os socialista apuntaron que “é evidente a absoluta desidia dos Alcaldes da Ulloa, que en ningún momento se preocuparon ou defenderon o mantemento deste servizo imprescindible para o día a día dos nosos veciños, que están moi preocupados”.

 

Ante esta situación, os socialistas da Comarca da Ulloa presentarán mocións nos Concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, esixindo o restablecemento das liñas de transporte de viaxeiros existentes ata este recorte.

 

O Coordinador coa Comarca do Suroeste destacou que “os socialistas somos os únicos preocupados polos veciños da Comarca. Así o demostramos, recentemente, coa denuncia pública sobre o estado no que se atopan as infraestruturas estatais na nosa provincia, como por exemplo a N-540. Feita a nosa denuncia, agora súmanse Alcaldes e outras formacións políticas, pero foi e é o PSOE o que traballa por dar solucións aos nosos veciños, neste caso, cos nosos compañeiros no Congreso dos Deputados”.

 

“Así tamén o facemos agora co transporte público de viaxeiros, pois iniciamos unha serie de iniciativas neste eido para demostrar as mentiras do PP, o fracaso do plan de transporte público de Feijóo, a inutilidade dos Alcaldes dos Concellos afectados e, principalmente, para conseguir que se restitúan os servizos recortados e se presente un servizo de calidade, adaptado á realidade dos veciños. Cremos que é preciso que os veciños saiban quen os defende e os representa, e ese é o PSOE”.

Que che pareceu o artigo ?