Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde rexeitou a proposta do PSOE de Antas de Ulla que quería rebaixar o IBI e aplicar bonificacións aos titulares de explotacións gandeiras co obxectivo de evitar o grave impacto que sufrirán co catastrazo. Os socialistas tamén reclamaron bonificacións para os pensionistas do Concello e facilitar a posibilidade de pago fraccionado deste imposto. O PSOE fixo esta proposta nunha moción que defendeu no último Pleno Municipal logo de que o Rexedor do PP impedira o seu debate en anteriores sesión plenarias.

 

A voceira municipal socialista, Pilar García Porto, censurou que “unha vez máis, o Alcalde amosa unha total falta de interese por mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Antas de Ulla continúa a ser o Concello co maior tipo de gravame no IBI de rústica da contorna, cun 0,5%, fronte ao 0,34% en Monterroso, o 0,4% en Taboada, o 0,35% en Agolada ou ao 0,45% de Rodeiro”.

 

García Porto instou ao Rexedor “a deixar de castigar aos veciños, a pensar nos seus intereses e atender  as súas necesidades. O afán recadador do PP no Concello fai que os veciños xa teñan que pagar preto de 800.000 euros ao ano en impostos directos e indirectos. E agora máis co catastrazo e sen bonificacións”.

 

7 medidas rexeitadas

Coa moción presentada no pleno, os socialistas reclamaban 7 medidas para a súa inmediata aplicación, co fin de mellorar a economía dos veciños de Antas de Ulla, tendo en conta “que o Alcalde do PP non ten previsto facer nada máis que subir o IBI”. Estas son as seguintes:

 

1.- Que se presente o informe da Secretaría municipal sobre o impacto da revisión catastral no Concello de Antas de Ulla e as previsións de incremento de recadación, así como o informe das opción legais que tería o municipio para poñer en marcha un plan de bonificacións do pago do IBI, adaptado á realidade económica e social do Concello.

 

2.- Que o coeficiente de rústica se baixe ao mínimo que permite a Lei, que é do 0,3%.

 

3.- Que o coeficiente de urbana se baixe ao mínimo que permite a Lei, que é do 0,4%.

 

4.- Que se bonifique a cota do IBI rústico das explotacións agrarias ao 95%.

 

5.- Que se tomen medidas para bonificar o IBI dos titulares pensionistas.

 

6.- Dada a especial importancia dalgúns recibos do IBI, correspondentes a pago dos atrasos en catastro de urbana, que se tomen medidas para posibilitar o pago fraccionado do mesmo.

 

7.- Que se proceda de xeito inmediato a aprobación dunha Ordenanza Municipal que sirva de base para regular a aplicación das mencionadas bonificacións dentro do presente ano 2018 para evitar a suba nos inmediatos recibos do IBI que se pasarán ao cobro dos veciños no ano 2019. Para elo, úrxese o procedemento de aprobación e exposición pública desta da Ordenanza Municipal, que deberá de estar finalizada e en vigor antes do 31 de decembro de 2018 a fin de evitar a citada repercusión da suba nos recibos que se pasen aos veciños de Antas de Ulla no ano 2019.

 

Orzamento inflado: por 6º ano consecutivo inclúense partidas que non existen

Na sesión plenaria tamén se debateu o presuposto. García Porto destacou que “outro ano máis, o orzamento que presenta o Alcalde está inflado. Varela engana a todos os veciños de Antas de Ulla, pois inclúe, por 6º ano consecutivo, 3,4 millóns de euros, que son fondos da Xunta e do Goberno Central, que nunca recibiu o noso Concello e que non o vai a facer, pois forman parte dun Plan de Investimentos no Rural, que nin sequera existe na actualidade”. O presuposto ascende a 5,8 millóns, dos que 3,4 son polo tanto irreais. “Orzamentos sen consignación presupostaria fainos calquera, e como vimos vendo, nesta materia é experto o Partido Popular, pois só hai que ver o Presupostos do Estado que elaboraron os populares, incluíndo sempre partidas para infraestruturas estatais, que nunca se executa”. Por todos estes motivos, o grupo municipal socialista votou en contra do proxecto de orzamentos para o 2018.

 

O PSOE é o que máis investimentos leva aos veciños de Antas de Ulla

A voceira municipal socialista subliñou que “dos case 6 millóns do presuposto que presentou neste pleno, só 135.000 euros proveñen de fondos propios do Concello e practicamente o resto de investimentos reais, preto de 500.000 euros, son achegas que facemos os socialistas dende o Goberno da Deputación para mellora servizos públicos aos nosos veciños. O PSOE é o que máis investimentos leva aos veciños de Antas de Ulla”.

 

Concello endebedado e mal xestionado

“O Alcalde de Antas incrementa os impostos aos veciños, míntelles con investimentos públicos que non existen e castígaos facéndoos pagar á débeda que xera o propio Alcalde pola súa nefasta xestión. Varela é incapaz de xerar recursos propios para atender e cubrir as necesidades dos veciños, a única solución que atopa é recorrer ao endebedamento, que na actualidade, ascende a preto dos 800.000 euros. A xestión económica do Alcalde supón que cada veciño de Antas de Ulla soporte unha débeda de 467 euros. Isto ten como consecuencia que mentres se paga débeda cos impostos de todos os veciños se fan menos inversións no concello. Pagamos impostos para amortizar créditos”.

 

Falta de transparencia no acceso á Conta Xeral presentada cun ano de demora

García Porto destacou que “a nefasta xestión do Partido Popular no Concello de Antas de Ulla provoca situacións como a demora de máis dun ano na aprobación na Conta Xeral da institución, xa que ata esta semana non se levou ao Pleno a correspondente co exercicio económico de 2016. Este foi o motivo polo cal o Concello perdeu as subvencións da Xunta de Galicia durante o primeiro trimestre do ano”. O grupo municipal socialista votou en contra da Conta Xeral debido aos impedimentos, trabas e retrasos na presentación desta documentación. “O Alcalde non permitiu ao PSOE o acceso a toda a documentación da Conta Xeral, denegando por escrito o acceso a albaranes, facturas e ordenes de pago. A persoa encargada de fiscalizar e facer as contas do Concello é a muller do Rexedor. Este tándem non e bo para os veciños do Concello”.

Que che pareceu o artigo ?