Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados aproba esta tarde unha Proposición non de Lei do Grupo Socialista que insta ao Goberno “para que a liquidación e pago da cota tributaria correspondente no IRPF non inclúa os cambios de titularidade dos dereitos de pago único cando pertenzan a unha mesma explotación e non exista beneficio ou ingreso derivado da operación”.

A deputada lucense Margarita Pérez, que defendeu a iniciativa socialista, sinalou que “a esixencia de tributación que a Axencia Tributaria está reclamando aos agricultores polos cambios de titularidade dos dereitos de pago único, chamados agora de pago básico, non é correcta porque non se trata dunha transmisión real”.

Respecto diso, indicou que “a cesión dos dereitos reais adoita facerse xunto co cambio de titularidade administrativa da explotación agraria, normalmente por cese na actividade do seu titular por incapacidade ou xubilación”. “Na maior parte dos casos -resaltou- esta cesión realízase a favor dun membro da unidade familiar e prodúcese un mero cambio de titularidade administrativa sen que supoña ningún beneficio”

Así, apuntou que “é moi común a cesión entre conxugues con ganancial, malia que tanto a explotación como os dereitos de pago básico teñen carácter ganancial, e non é correcto que a Axencia Tributaria entenda que existe transmisión e esixa o pago por unha ganancia patrimonial que non se produciu”. “Sucede algo parecido coas achegas a sociedades, nas que continúa participando o titular dos dereitos en orixe” -engadiu. “Incluso o impreso que utiliza a Xunta de Galicia contémplao pero a Axencia Tributaria négalles a natureza ganancial” -reprochou.

Así mesmo, defendeu que “as axudas da PAC son axudas compensatorias por actividades relacionadas co coidado do medio ambiente e con todo Facenda entende que é un activo intanxible e que o cambio de perceptor dá lugar a un incremento patrimonial para quen o transmite”. “A compensación polo coidado do medio ambiente vinculado a unha explotación agraria é a mesma independentemente de si a explotación está a nome do marido ou da muller, ou si a sociedade cambia de denominación”. “O cambio na titularidade non aporta beneficio á actividade agraria pois o que percibía a explotación por eses coidados segue sendo o mesmo” -sinalou

“As explotacións agrícolas son a principal fonte de emprego no medio rural, constitúen o motor económico destas áreas, son a base para a fixación da poboación no territorio e xestionan a conservación do medio natural” -abundou. Deste xeito, sostivo que “o trámite administrativo de cambio de titularidade na substitución xeneracional das granxas non debe verse penalizado fiscalmente pois dificulta a entrada de mozas no sector agrario e ten consecuencias negativas na modernización, innovación e competitividade do sector agrario español, así como na incorporación da muller á titularidade da explotación”.

“Hai que beneficiar o mantemento da poboación no medio rural e, xa que logo, gravames como estes non teñen xustificación e inciden negativamente na conservación do medio ambiente e a loita contra o cambio climático”

Que che pareceu o artigo ?