Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

 

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, a Coordinadora coa Comarca da Mariña, Rocío López García, Alcaldes, voceiros e militantes socialistas da Costa participaron este xoves na manifestación convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para defender o mantemento desta área sanitaria e a dotación dos recursos necesarios para unha atención pública de calidade aos 70.000 mariñás cuxo hospital de referencia é o de Burela. Fixérono ante o “empeño do PP de continuar coa súa reforma da Lei de Saúde, desbotando as máis de 1.600 alegacións presentadas polos cidadáns, colexios profesionais ou destacados colectivos, ademais das emendas dos partidos políticos con representación no Parlamento galego que, no caso do PSOE, ascenderon as 34, coas que solicitamos un novo proxecto froito do consenso coa maioría social no que se manteñan as áreas sanitarias e se garantan os servizos necesarios”, destacou Santos Ramos.

 

“Pero o PP non escoita aos veciños e desprestixia ás institucións, impoñendo e obrigándonos a saír ás rúas para defender o noso dereito a unha atención sanitaria de calidade. Fano dende a Xunta de Galicia e dende todas as institucións nas que teñen representación, pois vemos como os Alcaldes do PP na Mariña apoian o proxecto dos seus compañeiros en Santiago, sabendo que prexudica gravemente a asistencia sanitaria pública dos seus veciños, antepoñendo os seus intereses partidistas aos dos cidadáns que teñen a obriga de defender e representar”, engadiu.

Santos Ramos subliñou que “con esta reforma, o PP impón a supresión das 3 áreas sanitarias na nosa provincia, valentía que non demostra ter co resto de provincias galegas, só coa de Lugo, mostrando un absoluto desprezo cara a todos os lucenses. De seguir adiante o proxecto do PP, as decisións sobre a saúde dos mariñás non se adoptarán no hospital da Costa, que perderá toda a súa autonomía, senón no mellor dos casos en Lugo ou nun despacho en Santiago”.

 

Menos servizos cando xa son precarios

“O PP non contempla máis servizos, senón consolidar a súa liña de recortes e precarizar aínda máis a nosa sanidade pública, favorecendo a privada. Xa conseguiu que no Hospital da Costa non haxa oncólogos propios ou que só exista 1 médico de rehabilitación, 1 reumatólogo,  1 enfermeira para o coidado de máis de 30 pacientes ou 3 celadores durante a noite para atender urxencias, quirófanos, UCI, partos…. Xa conseguiu que a espera para unha consulta de cardioloxía sexa de máis de 400 días; que non se coloquen marcapasos, nin tan sequera se cambian as pilas destes instrumentos, tendo que ir a Lugo; que un grande prematuro teña que ir a nacer á capital lucense porque en Burela non hai medios; que as resonancias se realicen 1 vez ao mes nun camión móbil; que se deriven á Coruña os casos dunha operación de fimose ou a centros privados de Lugo para unha operación de cataratas… A precariedade da sanidade pública que acadou o Partido Popular é máis que evidente e así se reflexa no número de reclamación feitas polos cidadáns, que no Hospital da Costa, e en tan só 2 meses, xa son 300”.

 

O único investimento do PP no Hospital da Costa é para un aparcamento de pago

Santos Ramos denunciou que “a única proposta que fixo o PP para mellorar o Hospital da Costa foi cambiarlle o nome. Presumen dunhas obras de ampliación, que xa prometeron no 2009, e que non van supor máis servizos, senón simplemente máis espazo e, por suposto, un aparcamento de pago, como nos teñen acostumados, pois xa o fixeron no HULA. Con estas obras non teremos máis quirófanos, nin máis plantas de hospitalización, nin máis especialidades, como tampouco se vai a ampliar a UCI. Levamos anos pedindo ao PP unha resonancia magnética ou aparellos para realizar densitometrías óseas, electromiogramas, placas dentais en Burela… Sempre xustificaron a súa negativa á dotación destes servizos, dicindo que non había espazo. Pero agora, tras as obras, tampouco traen estes servizos, nin van a cubrir a evidente falta de médicos, enfermeiros e ata administrativos ou mellorar as listas de espera que maquillan, pechando as axendas para que non figuren as persoas que agardan polas súas consultas”.

Que che pareceu o artigo ?