Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O PSOE cumpre cos veciños da Pobra do Brollón e leva unha residencia de maiores ao municipio, tal e como comprometeu a facer e recollía o seu programa electoral. Así o adiantou este venres o voceiro socialista neste Concello, Javier González, que informou que “hoxe os meus compañeiros do Goberno Socialista na Deputación de Lugo aprobaron na Xunta de Goberno un investimento de 1,2 millóns de euros para as obras de construción da residencia que se fará, tal e nos tamén nos comprometemos a facer e recollía o noso programa electoral, na Avenida de Outeiro, a carón do centro de día. Xa non hai volta atrás. Este orzamento queda comprometido para un proxecto polo que levamos tempo pelexando dende PSOE”.

 

“Todos os veciños da Pobra do Brollón estamos de noraboa. É unha realidade este orzamento de 1,2 millóns que os socialistas achegamos dende a Deputación ao noso municipio para a construción dunha residencia que poida ofrecer 30 prazas”, subliñou.

 

Javier González apuntou que “dende o PSOE demostramos estar coas persoas e atender as súas necesidades porque para iso naceu a política e o socialismo. A residencia impulsará o benestar dos nosos maiores, contribuirá á mellora da súa calidade de vida, ao tempo que xerará emprego e dinamizará a economía local do noso municipio fronte a un Alcalde dormente e continuista, que non pensa nos seus veciños”.

 

“Somos os socialistas os que a día de hoxe xa investimos case 50.000 euros para atender a preto de 40 veciños do noso Concello a través do Servizo a Domicilio para non dependentes e da Teleasistencia gratuíta, que tamén financiamos na súa totalidade e ofrecemos dende o Goberno do PSOE na Deputación”, engadiu.

Novas actuacións

“Cada un dos investimentos que recibe o noso Concello para mellorar a calidade de vida dos novos veciños, ofrecendo servizos e mellorando dotacións públicas, veñen do Partido Socialista dende a Deputación. E como un novo exemplo disto, son os preto de 370.000 euros que os meus compañeiros do Executivo Provincial do PSOE tamén aprobaron achegar nos últimos días para mellorar con aglomerado en quente 9 quilómetros das estradas de Vilachá, Santalla de Rei, Salcedo e Saa”. Trátanse da LU-P-4702 de Vilachá por Rozabales á estación do tren da Pobra do Brollón; da LU-P-4703 dende LU-652 por Santalla de Rei á LU-653; da LU-P-4707 da Pobra do Brollón por Saa a Veneira de Roque; e da LU-P-4710 de Salcedo á Estación de Pobra do Brollón.

 

Traballos recentemente rematados

González destacou que “tamén os socialistas dende a Deputación rematamos estes días de arranxar os accesos municipais á aldea do Busto, onde se porá en funcionamento proximamente un novo complexo hostaleiro e de lecer, que consta de 6 casas e un restaurante, que xerará emprego e dinamizará e economía local a través do impulso do turismo”.

 

“Ademais, o PSOE dende a Deputación vimos de arranxar os accesos municipais ata a aldea de Pradelas, beneficiando directamente ás 4 familias que viven neste núcleo e que tamén teñen dereito a uns servizos públicos e de calidade”.

 

Concello durminte

Con todo isto, o voceiro municipal socialista remarcou que “hai que recoller as inquedanzas do veciños, coñecer as súas necesidades, e recorrer o Concello para saber as súas potencialidades coa que xerar un tecido produtivo que dea vida á nosa comunidade. Non podemos ter un Concello durminte e que beneficia só a uns poucos, que é ao que fai o alcalde. Parece que non lle importaba o noso municipio nin os seus veciños, pois nin tan sequera se preocupou que houbera uns accesos municipais listos para pór en marcha un establecemento que dea emprego e dinamice a economía local”.

Que che pareceu o artigo ?