Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O PSOE cumpre cos veciños de Folgoso do Courel e leva unha residencia e centro de día para maiores ao municipio, tal e como comprometeu facer e como recollía o programa electoral. Así o adiantou a voceira socialista neste Concello, Carmen Álvarez, que informou de que “os meus compañeiros do Goberno Socialista na Deputación de Lugo aprobaron na última Xunta de Goberno celebrada un investimento de 1,2 millóns de euros para as obras de construción da residencia e centro de día que se farán, tal e como tamén nos comprometemos e recollía o noso programa electoral, na antiga escola municipal, a carón do centro de saúde e da botica farmacéutica”.

 

“Sen dúbida hoxe é un día moi importante e especial para todos os veciños de Folgoso do Courel, pois faise realidade un proxecto polo que levamos máis dunha década loitando dende o PSOE, despois de que no 2009, a Xunta de Galicia de Feijóo paralizará este plan. Con este orzamento que os socialistas achegamos dende a Deputación ao noso municipio para a dotación da residencia e do centro de día poderemos ofrecer 30 prazas de residentes e 20 de centro de día aos nosos maiores”. destacou.

 

Carmen Álvarez remarcou que “sempre fomos os socialistas os que defendemos o centro para maiores, ata a Alcaldesa de Folgoso do Courel é consciente de que co PP nunca se executaría este proxecto, nunca o pediu aos gobernos do seu partido. Outra vez tivo que ser un Goberno Socialista o que liderara este proxecto, que será unha realidade grazas á Deputación presidida por Darío Campos”.

 

“Unha vez máis dende o PSOE demostramos o noso compromiso por estar ao carón das persoas e deste xeito atender as súas necesidades, dentro da nosa folla de ruta socialista. Estou convencida de que esta nova residencia e centro de día impulsará o benestar dos nosos maiores, contribuíndo á mellora da súa calidade de vida, ao mesmo tempo que dinamizaremos e economía de toda a zona e xeraremos novos postos de traballo, fronte á inacción dunha Alcaldesa que non pensa nos seus veciños. Os fillos dos nosos maiores tiveron que emigran para buscarse a vida e eles tiñan que facelo para pasar os seus últimos días dignamente. Grazas ao Partido Socialista, con este novo centro, iso deixará de acontecer.”

 

“Tamén somos os socialistas, dende o Goberno da Deputación, os que na actualidade investimos 25.000 euros para atender a máis de 40 veciños do Concello de Folgoso do Courel a través da Teleasistencia gratuíta e do Servizo a Domicilio para non dependentes”, engadiu a voceira municipal.

 

Alcaldesa inmobilista

A voceira municipal socialista apuntou que “a Alcaldesa debe coñecer e traballar para satisfacer as necesidades de todos os veciños, e non só duns poucos. É necesario que poña enriba da mesa novos investimentos e proxectos que melloren a calidade de vida das persoas que viven na Montaña lucense, fomentando a xeración de novos empregos e a dinamización socioeconómica da vila, e deixe xa esta postura inmobilista que non beneficia a ninguén”.

Que che pareceu o artigo ?