Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O PSOE de Antas de Ulla esíxelle ao Alcalde que rebaixe o IBI e que aplique de forma urxente bonificacións específicas nas explotacións gandeiras co fin de evitar o grave impacto que sufrirán co catastrazo, así como para os titulares pensionistas, ademais de posibilitar o pago fraccionado. Os socialistas, que levan máis dun ano demandando medidas, denuncian a “desidia”, “pasividade” e “falta de interese polos seus propios veciños” do Rexedor do PP, pois aínda onte celebrou un Pleno Extraordinario para modificar o ordenanza municipal do IBI na que non incluíu ningunha rebaixa, bonificación ou exención, tal e como levan reclamando os socialistas dende marzo de 2017. O PSOE presentou a dita sesión unha nova moción con medidas moi concretas e o Alcalde non a incluíu na orde do día, pospoñendo o seu debate para a vindeira sesión, segundo expuxo.

 

A voceira municipal socialista, Pilar García Porto, insta ao Alcalde a “abandonar a súa absoluta pasividade sobre un asunto que supón un grave prexuízo para os nosos veciños, especialmente para aos profesionais do sector agrogandeiro do municipio e para aqueles titulares que sexan pensionistas”.

 

García Porto lembrou que “ante o desinterese” do Rexedor do PP, “que nin tan sequera informou aos veciños sobre as consecuencias do catastrazo”, os socialistas celebramos dúas xornadas informativas sobre este asunto. A voceira do PSOE destacou que Antas de Ulla xa é, por exemplo, o Concello co maior tipo de gravame no IBI de rústica da contorna. Este é do 0,5% fronte ao 0,34% en Monterroso, o 0,4% en Taboada, o 0,35% en Agolada ou ao 0,45% de Rodeiro. En algúns destes municipios, como o de Agolada, aplícanse bonificacións de ata o 95% para as explotacións agrogandeiras

 

 

 

Medidas concretas que esixen os socialistas

Coa última moción que o PSOE de Antas presentou, os socialistas reclaman medidas moi concretas para súa “inmediata” aplicación, tendo en conta “que o Alcalde do PP non ten previsto facer nada máis que subir o IBI”. Esta son as seguintes:

 

1.- Que se presente o informe da Secretaría municipal sobre o impacto da revisión catastral no Concello de Antas de Ulla e as previsións de incremento de recadación, así como o informe das opción legais que tería o municipio para poñer en marcha un plan de bonificacións do pago do IBI, adaptado á realidade económica e social do Concello.

 

2.- Que o coeficiente de rústica se baixe ao mínimo que permite a Lei, que é do 0,3%.

 

3.- Que o coeficiente de urbana se baixe ao mínimo que permite a Lei, que é do 0,4%.

 

4.- Que se bonifique a cota do IBI rústico das explotacións agrarias ao 95%.

 

5.- Que se tomen medidas para bonificar o IBI dos titulares pensionistas.

 

6.- Dada a especial importancia dalgúns recibos do IBI, correspondentes a pago dos atrasos en catastro de urbana, que se tomen medidas para posibilitar o pago fraccionado do mesmo.

 

7.- Que se proceda de xeito inmediato a aprobación dunha Ordenanza Municipal que sirva de base para regular a aplicación das mencionadas bonificacións dentro do presente ano 2018 para evitar a suba nos inmediatos recibos do IBI que se pasarán ao cobro dos veciños no ano 2019. Para elo, úrxese o procedemento de aprobación e exposición pública desta da Ordenanza Municipal, que deberá de estar finalizada e en vigor antes do 31 de decembro de 2018 a fin de evitar a citada repercusión da suba nos recibos que se pasen aos veciños de Antas de Ulla no ano 2019.

Que che pareceu o artigo ?