Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O voceiro do Partido Socialista de Ribadeo, César Fernández Murias, denunciou o estado de total abandono das infraestruturas deportivas de titularidade municipal, que afecta directamente aos máis de 200 cativos das escolas deportivas que non poden empregar o campo de fútbol municipal Pepe Barrera.

 

Fernández Murias apuntou que “dende o PSOE de Ribadeo esixímoslle ao Alcalde que asuma as súas responsabilidades e que aborde este tema coa maior celeridade posible, pois é un asunto que os socialistas consideramos como prioritario. E dicimos isto tanto polos máis de 200 rapaces e rapazas que non teñen unha infraestrutura de calidade na que adestrar ou na que realizar o seu deporte, así como pola mala imaxe no ámbito deportivo que o Concello de Ribadeo está a ofrecer en toda a comunidade, e que nada ten que ver coa altísima calidade dos nosos clubs deportivos. De feito, o Ribadeo FC ten que adestrar en Concellos de Foz, Burela ou na Pontenova, e fano pagando”.

 

“É lamentable que dispondo dun campo de fútbol municipal, o Derbi da Mariña, no que o Ribadeo é o club local, teña que disputarse en Barreiros, concretamente no Campo das Valgas, en San Miguel de Reinante. O Campo Pepe Barreira é un auténtico barrizal, no que os xogadores non poden nin adestrar nin xogar, debido ao alto risco de lesións producido pola situación do terreo de xogo, que é totalmente vergonzoso”.

 

Que che pareceu o artigo ?