Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do Partido Socialista na Provincia, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, ademais de Presidenta do partido, Lara Méndez López, valoraron que “De la Serna e Feijóo constataron este luns que o Partido Popular renunciou a que o AVE chegue á provincia lucense”. Como mostra disto, entre outros aspectos, destacaron o feito de que os populares aseguren, publicamente, que a súa previsión, no horizonte 2021, é que a viaxe en tren Lugo-Madrid leve 4 horas, mentres A Coruña-Madrid, que están a maior distancia, 3 horas.

 

“O Ministro de Fomento e o Presidente da Xunta tamén constataron que o Partido Popular mente aos lucenses sobre os servizos ferroviarios e que nada se fixo polo impulso e mellora dos mesmos dende que o Partido Socialista non está á fronte do Goberno Central, con Blanco no Ministerio de Fomento”, subliñaron os socialistas.

 

Como mostra disto, Santos e Méndez resaltaron:

 

1.- “O Ministro de Fomento non falou nin unha soa vez sobre o AVE en Lugo, pois durante toda a súa intervención sempre se referiu a melloras ferroviarias. Nunha clara contradición, o Presidente da Xunta falou de AVE. Este é o dobre xogo e linguaxe do PP ao que xa non teñen acostumados. Que deixen de confundir”.

 

Como dato público e oficial, destaca o feito de que no PXE para 2018, que presentou o PP, non existe ningunha partida para a Alta Velocidade en Lugo nin para a Estación Intermodal na capital lucense, imprescindible para a chegada do AVE á provincia.

 

Ante esta situación, o PSOE presentou emendas ao PXE para incluír estes proxectos nas contas estatais coas súas correspondentes partidas.

 

2.- “O Ministro de Fomento e o Presidente da Xunta recoñeceron que todo o orzamentado polo Goberno Central do Partido Popular para servizos ferroviarios na provincia de Lugo era mentira. Admitiron que dende que o PSOE non está no Goberno Central, con José Blanco no Ministerio de Fomento, nada se fixo polos servizos ferroviarios da nosa provincia”, destacaron.

 

Por exemplo, o PP non executou os 13 millóns de euros que recollía o PXE de 2017 para mellorar o tren na provincia de Lugo. Nas contas do ano pasado, figuraba ademais outra partida de 11 millóns para 2018. Os populares recortaron este presuposto ata os 3,8 millóns, que son os que finalmente decidiron incluír no PXE para este ano.

 

Polo tanto, “en dous anos, o Partido Popular leva estafado aos lucenses 20 millóns de euros para mellorar o tren na nosa provincia”, destacaron.

 

Ningunha credibilidade ata o BOE

En 7 anos, o Partido Popular non fixo nada polo tren na provincia de Lugo. A única actuación é a que inauguraron hoxe, a da Variante na Pobra de San Xillao, no Concello de Láncara. Trátase dun proxecto que puxo en marcha o PSOE dende o Goberno Central no 2016, adxudicándoo por 90 millóns e un prazo de execución de 40 meses. O PP paralizouno e esta variante non foi unha realidade ata 11 anos despois.

 

“Co ritmo e compromiso do PP coa nosa provincia, non contaremos cun tren do século XXI polo menos ata 2030. Con estes antecedentes, non creremos nada do dito hoxe polo PP ata que algo se publique no BOE. Hoxe non concretaron ningunha actuación. Foi un acto máis ben electoralista”, apuntaron.

 

Un subdelegado inexistente para os lucenses

“A Subdelegación do Goberno en Lugo leva 7 anos pechada para os lucenses, cun subdelegado inexistente que nada fixo polos veciños. A nosa provincia segue a ter un déficit de 70 policías nacionais: 40 en Lugo, 15 en Monforte e outros 15 en Viveiro. Lugo segue a ser a única provincia de Galicia sen Unidade de Prevención e Reacción, pois o PP dixo oficialmente no Goberno Central, a preguntas que lle fixemos dende o PSOE, que este non nos facía falta, que contábamos co da Coruña”, apuntou o Secretario Xeral

 

Santos Ramos engadiu que “nos últimos días vemos como a Subdelegación por fin abriu as súas portas, pero fíxoo para irse de todos os veciños, non para ofrecernos solucións. Coa reunión sobre a N-540 para dicirnos que a están bacheando despois de prometer ata 20 millóns de euros para a súa mellora, que nunca se executaron. E hoxe para constatar que non fixeron nada polos servizos ferroviarios e que os lucenses tampouco imos a ter AVE, sendo os únicos galegos sen este imprescindible servizo para o desenvolvemento económico da nosa provincia, deixándonos nunha clara situación de desvantaxe con respecto ao resto do territorio estatal, relegándonos”.

 

Que foi do compromiso público de Feijóo no 2009 de facer o AVE Lugo-Ourense

“Que foi do compromiso de Feijóo de facer a conexión Lugo-Ourense dende a Xunta de Galicia, como claramente dixo e prometeu en público en varias ocasións no 2009 se o Goberno Central non a facía, como acontece co PP, que fixo desaparecer este proxecto nada máis chegar ao Executivo do Estado”, preguntou Samos.

Que che pareceu o artigo ?