Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde do PP en Antas de Ulla fará pagar este ano aos veciños case 800.000 euros en impostos. Así o desvelou a voceira municipal do PSOE, Pilar García Porto, tras estudar minuciosamente o orzamento do Concello para 2018 que vén de impoñer o Rexedor e os seus compañeiros do Partido Popular, aplicando unha importante suba de taxas, principalmente no IBI rústico e urbano, que pasará unha factura anual aos veciños dun total de 573.000 euros, así como no Imposto de Vehículo de Tracción Mecánica, polo que pagarán 100.000 euros.

 

García Porto explicou que “dende o PSOE presentamos unha proposta para rebaixar o IBI ao mínimo que permite a lei, ofrecer bonificacións a pensionistas e titulares de explotacións gandeiras e permitir o pago fraccionado. Fixémolo sabendo o grave impacto que o catastrazo, tamén imposto polo PP neste caso dende o Goberno Central coa evidente complicidade de todos os representantes desta formación política, ía a supor aos nosos veciños. Pero o Alcalde e os seus compañeiros do PP negáronse a aceptar a nosa proposta. Agora  vemos o seu resultado nas contas locais, onde figuran 800.000 euros en impostos aos veciños. Máis do 70% desta cantidade é polo IBI, pois o PP fai pagar aos veciños de Antas este ano un total de 573.000 euros”.

 

A proposta que fixeron os socialistas e que rexeitou o PP é a seguinte: que o coeficiente de rústica se baixe ao mínimo que permite a Lei, é dicir, ao 0,3; así como o de urbana, sendo o 0,4%; que se bonifique a cota do IBI rústico das explotacións agrarias ao 95%; que se tomen medidas para bonificar o IBI dos titulares pensionistas. Dada a especial importancia dalgúns recibos do IBI, correspondentes a pago dos atrasos en catastro de urbana, que se tomen medidas para posibilitar o pago fraccionado do mesmo.

 

O non dos populares á proposta do PSOE supón que Antas de Ulla sexa o Concello da contorna co maior tipo de gravame por exemplo no IBI rústica, pois este é do 0,5% fronte 0,34% en Monterroso, 0,4% en Taboada, 0,35% en Agolada ou ao 0,45% de Rodeiro.

 

Impostos e débeda si, investimentos non

A socialista explicou que ademais da suba de impostos para este ano, os veciños de Antas de Ulla tamén “temos que asumir os 800.000 euros de débeda viva que ten o Concello, tal e como figura no presuposto de 2018, e que é froito da nefasta xestión do Alcalde e do PP no noso municipio durante anos. Son uns 467 euros por habitante. Ten hipotecado ao noso Concello”.

 

“Comprobamos como no orzamento municipal se recollen impostos e tamén débeda a pagar por todos, pero non investimentos reais para mellorar os servizos públicos aos nosos veciños. Levamos 6 anos, nos que nas contas sempre figuran 3,4 millóns que non existen e que, polo tanto, nunca se executaron. Trátanse de supostos fondos da Xunta de Galicia e do Goberno Central para o Plan de Investimentos no Rural,que foi publicado no BOP no 2012 pero que deixou de estar en vigor. O Concello non recibiu nin un só euro durante todo este tempo e ata a actualidade. Pero o Alcalde ano tras ano os inclúe nas contas, desglosándoos en dúas partidas: nunha de 2,8 millóns para a obra de equipamento da residencia de maiores e noutras de 600.000 euros para mellorar a traída de auga no casco urbano. En 6 anos, nin se recibiron os cartos, nin se fixeron as obras. Pero outro vez aparecen no presuposto do Concello, enganando aos veciños e inflando un orzamento municipal totalmente incerto”, remarcou García Porto.

 

Sen subvencións para colectivos veciñais e culturais

“Nas contas figura outra partida de 700.000 euros cos que non conta o Concello, pero que o Alcalde inclúe porque di que son subvencións que vai a recibir por parte da Xunta de Galicia ou do Goberno Central para facer obras. Pola contra, non figura nin unha soa subvención nominativa para colaborar coa actividade de colectivos veciñais e culturais. De achegarse finalmente algún fondo municipal para este fin, o Rexedor farao pagando algunha facturas, nun exercicio de absoluta falta de transparencia cara os veciños na xestión dos fondos públicos do Concello”, destacou.

 

Neste senso, García Porto engadiu que “o Alcalde e os seus compañeiros do PP non amosaron o presuposto de EPICA, empresa do Concello que se encarga da venda dos terreos coñecidos como os bens de Barbalde, antes de incluílo no orzamento, aprobándoo, en solitario, nun órgano que non é o competente. Ademais, persoa que se nomeou como a encargada pública de elaborar e fiscalizar as contas municipais é a muller do propio Rexedor, feito que provoca, cando menos, unha situación anómala, que podería desencadear nunha situación de conflito de intereses ou de incompatibilidade de funcións debido á relación de parentesco”, denunciou.

Que che pareceu o artigo ?