Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Deputado no Parlamento Europeo, o socialista José Blanco, acompañado polo Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, valorou este xoves a situación de “total abandono” das infraestruturas estatais en Galicia e, de xeito específico, na provincia de Lugo, destacando que “o Partido Popular fixo que levemos 6 anos perdidos, pois ano tras ano presentan uns orzamentos que logo nunca executan”.

 

Blanco desvelou que “dende 2012 e ata hoxe, no Ministerio de Fomento deixáronse de executar 2.000 millóns de euros en Galicia”. En contraposición, lembrou que “nun só ano, no 2011, no peor momento da crise, os socialistas fomos capaces de executar na Comunidade galega 1.400 millóns de euros, máis do presupostado”.

 

“Na provincia de Lugo, entre 2016 e 2017, o Partido Popular nin tan sequera executou os 20 millóns para a conservación das estradas do Estado, que nunca estiveron na situación actual. O deterioro das estradas é exponencial. Como non se faga unha actuación rápida, o custo multiplícase por 5 nun período ben curto no tempo. Polo tanto, non é o que representan nestes momento se non o que supón cara o futuro”, advertiu.

 

Escasos 70 millóns fronte ao redor de 300

Neste senso, explicou que “a partida de conservación nunca se incluíu no apartado de investimentos do PXE. Pero agora o PP si o fai e presume de escasos 70 millóns para a provincia de Lugo cando os socialistas, sen ter en conta a conservación, algunha anualidade chegamos ao redor dos 300 millóns de investimento a provincia lucense”.

 

“O Partido Popular nada fixo nas infraestruturas ferroviarias de Lugo máis alá de pasear pola obra que contratamos e que executamos en boa medida os socialistas, que é a variante da Pobra de San Xillao. Nin tan sequera continuaron cos proxectos e estudos que deixamos en marcha, como a estación intermodal”, lembrou.

 

“Para o PP e para Feijóo todo que se faga na provincia de Lugo é faraónico pero sen embargo gastaron 8.000 millóns de euros na fusión das caixas, que xustificaron e avalaron en base a unha auditoría que non existe. Nos últimos días, o autor desta auditoría asegurou no Congreso dos Deputados, nunha comisión de investigación sobre as caixas de aforro, que fixo un informe, que nunca se lle encargou unha auditoría, que resulta ser a maior falsidade dun cargo público. Esta é a palabra de Feijóo”.

 

Unha verdade e moitas mentiras: AVE

Ao respecto da Alta Velocidade e das declaracións que realizaron Feijóo e De la Serna o pasado luns en Lugo, o socialista destacou que “o outro día dixeron unha verdade e moitas mentiras. A verdade é que a alta velocidade non chegaría a Galicia en 2020 se non chegaba a Lugo, pois co ritmo de execución das obras do Partido Popular a Alta Velocidade non vai a chegar nesa anualidade á Comunidade galega”.

 

Blanco desvelou “a grande mentira”, apuntando que “o que van facer na provincia lucense, no caso de que cumpran co que dixeron esta semana, é unha conexión de Lugo co AVE en Ourense. Se algún día conclúen a A-56, os lucenses irán mellora pola autovía ata Ourense, porque van acurtar tempo, para ir a coller o AVE a Ourense, pois o Partido Popular non contempla AVE para Lugo, liquidou este proxecto”.

 

A palabra de Feijóo

“Feijóo di que é un home de palabra. Pero todos lembramos o que dixo en 2009, cando asegurou que ía contratar a alta velocidade Lugo-Ourense dende a Xunta de Galicia. Todos lembramos tamén o que dixo no 2010, asegurando que tiña unha auditoría de  KPMG que avala a fusión das caixas de aforro, que eran viable e rendible. Pero resulta que o autor da auditoría confesou estes días no Congreso dos Deputados, nunha comisión de investigación sobre as caixas de aforro, que nunca lle encargaron ningunha auditoría, que o que fixeron foi un informe. Esta auditoría é a maior falsidade que se dixo nunca por parte dun cargo publico; unha auditoría que non existe, pero que levou a unha fusión das caixas de aforro que custaron a todos os españois 8.000 millóns de euros, que poderían terse empregado para o AVE Galicia-Madrid. Esta é a palabra de Feijóo”.

 

Reto ao PP: contratar proxecto e obra

“Fágolle un reto ao Partido Popular para que lle creamos os seus anuncios sobre o AVE. Hai unha fórmula que o fai posible: que contraten xa o proxecto e a obra simultaneamente, pois non é necesario acabar o proxecto para contratar a obra. Senón o fan, saberemos que é unha fuxida cara adiante”, destacou Blanco

 

Pacto do Obradoiro

“Tamén podían asinar un acordo, como o que tanto me reivindicou Feijóo, un Pacto do Obradoiro, que non era un pacto para defender os intereses de Galicia e dos galegos. Non. Era un pacto para controlar a José Blanco. Pero resulta que cando deixei o Ministerio de Fomento o Partido Popular e Feijóo non volveu a falar do Pacto do Obradoiro, que se incumpriu, reiteradamente, dende que o PP chegou ao Goberno Central. Pois a Alta Velocidade tiña que estar en Galicia no 2016 e non estará nin 5 anos despois. E non poden dicir que isto é por falta de investimento por parte dos socialistas, posto que os 2 anos nos que estiven á fronte do Ministerio de Fomento foron os de maior investimento para Galicia. Nun só ano, executamos 1.400 millóns, o dobre que este ano o PP di que vai a facer e que logo, como nas últimas 6 anualidades, non fará”, salientou.

Que che pareceu o artigo ?