Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O PSOE de Foz cualifica de indecentes as declaracións do alcalde metendo medo a todos os veciños e colectivos da vila, despois de que no pleno deste pasado xoves fosen rexeitados os orzamentos presentados polo PP de Foz, unhas declaracións nas que insulta a toda a corporación que non pensa coma el, que son incompatibles coa democracia e a diversidade de opinións que deben prevalecer tras decisións plenarias adoptadas pola maioría da corporación.

Estamos ante un alcalde que leva máis de tres anos chantaxeando á oposición, acusándonos de ser os causantes de que non estea en funcionamento a residencia de anciáns e, utilizando miserablemente a residentes e empregados do asilo de anciáns, co fin de coaccionarnos. Se despois de tres anos non é capaz de poñer en marcha a residencia é que toda a súa xestión é un fracaso. E utilizando do mesmo xeito miserable, ás persoas voluntarias da protectora, cando foi incapaz de executar as novas instalación para a protectora pese a ter orzados 100mil euros o ano pasado. Á culpa é súa Sr Alcalde non do PSOE que sempre apostou pola nova canceira como o resto da oposición.

O único requisito, para a posta en marcha xa da residencia, é a elaboración dun plan económico financeiro que garanta que esta vai funcionar por se mesma, sen que o concello poña un só euro, un plan que tiña que estar elaborado xa fai máis dun ano e así esixía a consellería de facenda por asumir unha competencia impropia, polo que diante deste incumprimento, dita consellería, imponlle unha partida de non dispoñibilidade de 560mil euros no orzamento deste ano.

Estamos ante unha antoloxía do fracaso do PP e do Sr alcalde de Foz en xestión, non é capaz de axilizar trámites para a aprobación definitiva do PXOM despois de máis de dous anos da súa aprobación polo pleno, está a piques de perder fondos europeos para a construción dunha nova depuradora que tería que estar terminada e en funcionamento antes do 2020 e a día de hoxe nada se sabe do anteproxecto e estudo ambiental, a situación do urbanismo en Foz é caótica, sen previsión nin planificación previa, como demostra a xestión das obras das dúas arterias principais de Foz.

O PSOE só esixe como condición para a posta en marcha da residencia que os veciños non sufran agravios comparativos coas residencias xestionadas pola Xunta é dicir, que os residentes non paguen máis do 80% das súas pensións pola súa praza e que non teñan que desprazarse a outras residencias doutros concellos de Galicia. Se non é capaz de abrir a residencia antes do próximo inverno debería dimitir.

A situación en que se atopa o concello devén unicamente da mala xestión do alcalde, é culpa exclusivamente súa, por non atender aos numerosos informes dos técnicos advertíndolle dos sucesivos incumprimentos da regra de gasto e a estabilidade orzamentaria gastando por encima dos orzado sen ningún tipo de control, máis de 400mil euros en 2016 800mil en 2017 e 507mil en 2018.

O orzamento non recollía ningunha as reivindicacións dos grupos da oposición. O PSOE deu prioridade a alargar a rúa do Pilar e ás beirarrúas do cemiterio, o cal levamos demandando multitude de ocasións nos tres anos deste mandato e nunca se atendeu, o cal demostra a incapacidade de negociación do alcalde, ante o que hoxe é unha necesidade perentoria dadas as obras de Álvaro Cunqueiro e o desvío do tráfico polas devanditas vías.

Non recollían partida algunha para a devolución do cobrado indebidamente polo IBI en 2014, iso si, recollen os máis 500mil euros de subida de ingresos, polos recibos de catro anos de atrasos de catastrazo, esas regularizacións de alpendres e galiñeiros, a maiores de aplicar unha subida xeneralizada da contribución, nos últimos 4 anos, de máis do 51% minorando así, en plena crise e sen importarlle o máis mínimo, a economía dos veciños de Foz.

O único culpable duns orzamentos absolutamente decepcionantes é o alcalde e o seu equipo de goberno, cando todos os membros da oposición ao unísono, sen fisuras e sen acordos previos chegamos á mesma conclusión é por que a xestión do alcalde foi un absoluto fracaso.

Desde o PSOE pedímoslle, ao alcalde que se tranquilice, que non sexa trampulleiro, que defenda con argumentos a súa postura como fai a oposición, sen entrar en descualificacións e insultos, pedímoslle sinceridade. Os orzamentos existen están prorrogados, de feito levan así os máis de cinco meses que tardou en traer os novos, poderanse seguir pagando nóminas, pagando facturas, realizando obras, xestionando o concello con absoluta normalidade.

O alcalde ademais dispón de diñeiro recibido da deputación máis 400mil euros este ano do plan único da deputación, 307mil o ano pasado e onde, por exemplo, puido incluír a canceira.

Compre botar a vista atrás e recordar que o PSOE facilitou estes pasados anos a aprobación dos orzamentos, algo que nunca xamais fixo o PP cando estaba na oposición, durante os 16 anos de goberno socialista, votando sempre en contra dos mesmos.

Polo tanto, menos victimismo, Sr alcalde, asuma o seu fracaso e negocie coa oposición.

Que che pareceu o artigo ?