Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Barreiros agradecen aos seus compañeiros no Goberno da Deputación “o seu compromiso co noso Concello e cos nosos veciños”. Así o destacou a voceira municipal do PSOE neste municipio, María Carmen Veiga, tras a visita do Presidente do organismo provincial, Darío Campos, e da Deputada pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, para supervisar o inicio das obras na estrada LU-P-6103 de Trabada por Fórnea a Barreiros, que financia na súa totalidade o Executivo Socialista na Deputación con 355.000 euros. A voceira avanzou tamén que os socialistas dende o Goberno Provincial acondicionarán con máis de 200.000 euros, un treito de 5 quilómetros da LU-P-0609 que vai de Vilamer a Cruce de Insua por Gondán.

 

A voceira agradeceu ao Presidente e a Deputada da Mariña “a constante colaboración co Concello de Barreiros para mellorar os servizos públicos dos que dispoñen os veciños, cumprindo con dúas demandas históricas e respondendo ás peticións e necesidades dos barreirenses”.

 

“Con estas novas actuacións que realizamos nestas estradas provinciais, os socialistas atendemos unha vella demanda de todos os barreirenses que empregan a diario estas vías, aumentando a súa seguridade e mellorando infraestruturas que asumen un volume de tráfico moi alto. A LU-P-6103 pasa ao carón da planta de lixo que ten situada Sogama na Insua e conecta co Hospital da Costa de Burela, e a LU-P-0609 vertebra toda a zona sur do municipio e enlaza coa N-643 e a LU-133, o que dá mostra da importancia destas vías”.

 

A voceira socialista criticou que, a diferenza do que fan os socialistas, “o Alcalde amosa unha total falta de interese por mellorar a calidade de vida dos preto de 3.000 habitantes do Concello de Barreiros, castigándoos e pensado só nos seus intereses persoais, en vez de destinar fondos para novas dotacións públicas no municipio como facemos os socialistas dende a Deputación. O seu inmobilismo prexudica gravemente a Barreiros”.

Que che pareceu o artigo ?