Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista na Pobra do Brollón, Javier González, denunciou que o Alcalde non respondeu a máis de 70 preguntas das 130 feitas polos sociliastas durante esta lexislatura, o que representa máis do 50%, “para ocultar aos veciños a súa deixadez e nefasta xestión”. González destaca tamén que o Alcalde minte ao afirmar que todas están respondidas, pois as outras 60 “foron contestadas de palabra, sen ningún tipo de documentación oficial que garanta que o que nos está dicindo é a verdade”.  Esta foi a razón pola que os socialistas decidiron abandonar a sesión plenaria.

 

Neste senso, o Voceiro do PSOE apuntou que “se o Alcalde e os seus compañeiros continúan nesta liña, tomaremos todas as medidas que estean ao noso alcance para que outras institucións, como é a Valedora do Pobo, poñan fin a esta situación”.

 

“Non entendemos como o Alcalde non dá resposta a estas preguntas, nas que os socialistas nos interesamos pola situación de proxectos tan importantes para os veciños do Concello como son as obras que executa o Concello; temas relacionados con protección civil ou a xestión de montes comunais, entre outras cuestións”.

 

Imposibilidade de acceso aos expedientes

O Partido Socialista denuncia tamén que logo de terlle solicitado ao Alcalde cita para revisar os expedientes de escritos presentados, e nos que hai preto de 70 preguntas, non recibiu resposta algunha. “Cando o Alcalde non quere que a oposición vexamos eses expedientes é porque algo queren ocultar”, destacou. Cómpre lembra que a Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, garante á oposición a consulta desta documentación pública.   

“O Rexedor está impedindo á oposición facer o seu traballo de control e fiscalización da súa xestión no Concello, pero o que é máis grave, está privando aos veciños de ter información clara e actualizada do que acontece no Concello, baseándose na manipulación e terxiversando a información”.

Que che pareceu o artigo ?