Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A voceira do PSOE en Antas de Ulla, Pilar García Porto, denunciou este venres o “lamentable estado no que se atopan, dende fai un ano, o parque infantil, as instalacións da área recreativa, as piscinas e o pavillón polideportivo municipal”. Fíxoo tras visitalas para coñecer in situ as deficiencias coas que contan estes espazos públicos competencia do Concello de Antas de Ulla.

 

A voceira municipal socialista censurou que “unha vez máis o Alcalde do PP amosa unha total falta de interese por ter unhas instalacións públicas en condicións e de primeiro nivel para que os nosos veciños poidan desfrutar da práctica de actividades deportivas e de ocio que melloren a súa calidade de vida. É unha vergonza que estes espazos estean nun total estado de abandono, sen cumprir as mínimas normas de seguridade e poñendo, deste xeito, en perigo a saúde física de todas as persoas que as utilizan a diario, sobre todo os pequenos da vila”.

 

García Porto criticou que “se o goberno municipal do Partido Popular se preocupara por realizar as labores de mantemento e conservación durante todo o ano, hoxe, non teríamos estas instalacións tan deterioradas que ofrecen unha imaxe do noso Concello moi prexudicial e que non se corresponde coa realidade dos nosos veciños. Os socialistas levamos preto de 8 anos presentando iniciativas ao Consistorio para que atendera todas estas reclamacións e regulara o seu uso e non fixo nada”.

 

Sen melloras no único parque infantil do municipio

Os socialistas de Antas de Ulla levan máis dun ano esixindo ao Rexedor que mellore as dotacións do único parque infantil da localidade, situado na praza da Igrexa, que se encontra moi deteriorado e que non poden usar os pequenos. A voceira lembrou que o Goberno do PSOE na Deputación destinou 20.000 euros para o acondicionamento e equipación deste parque infantil. “A que espera o Alcalde para contratar e executar estas actuacións se fai 2 meses que o pode facer? Que deixe de pensar nos seus propios intereses e comece a preocuparse polas necesidades dos nosos veciños” reprobou García Porto.

 

Na actualidade esta instalación de ocio e tempo libre non ten peche perimetral, o mobiliario de xogos como as randeeiras e os tobogáns están rotos, oxidados e teñen achas de madeira, o pavimento de goma e caucho do chan está levantado e as papeleiras están rotas e con acumulación de lixo incumprindo coas condicións hixiénico sanitarias. A maiores destes desperfectos, o entorno está desatendido, cos xardíns das zonas verdes sen cortar e as beirarrúas con excrementos de pombas.  

 

Pavillón polideportivo abandonado e piscinas pechadas

A voceira do PSOE informou que o pavillón polideportivo municipal ten goteiras, fiestras rotas, carece de canastras de baloncesto e porterías de fútbol sala, as paredes teñen pintadas, o material deportivo está moi deteriorado e os baños sucios.

 

As piscinas de Antas de Ulla, que son un dos maiores atractivos e reclamos turísticos que ofrece o Concello durante a época de verán, acontécelles o mesmo. A piscina grande, situada na planta de arriba da área recreativa, non conta con proteccións de seguridade; e as de abaixo, dirixidas sobre todo aos máis pequenos porque conta con tobogáns, están pechadas e sen auga. “Sen dúbida estas decisións do Alcalde do PP terán consecuencias moi graves, pois aparte de non ofrecer na súa totalidade un servizo municipal básico teremos menos afluencia de xente, producindo perdas económicas para os hostaleiros e establecementos da zona” subliñou García Porto.

 

Rexistro destas iniciativas do PSOE no Concello

A voceira municipal Socialista informou que o vindeiro luns o PSOE de Antas de Ulla rexistrará estas iniciativas e reclamacións no Concello, que xa fixeron anteriormente, pero que o Alcalde decide excluír sistematicamente das ordes do día dos plenos da corporación “para non ter que debatelas e non dar explicacións ao seus cidadáns. Esiximos que se tomen medidas e que de unha vez por todas os 2.000 veciños de Antas de Ulla conten coas instalacións que se merecen”.

Que che pareceu o artigo ?