Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos Conde, avanzou que o PSOE, a través dos compañeiros do grupo parlamentario, presentou varias iniciativas na cámara galega para instar á Xunta de Galicia a que responda e cubra as peticións dos máis de 2.300 veciños da Pontenova sobre o centro de saúde do municipio. Os socialistas esixen, polo tanto, que se cubra a praza do médico recentemente xubilado e un de Persoal de Servizos Xerais para equiparar a situación anterior.

 

Os socialistas denuncian que nos últimos tempos existe unha clara tendencia a reducir o número de persoal que atende no centro, aproveitando baixas e xubilacións. Actualmente o centro de saúde conta con 2 médicos cando antes había 3 porque a Xunta négase a repoñer  a praza do facultativo recentemente xubilado, e con 1 persoal de Servizos Xerais cando antes dispoñían de 2. A falta de persoal provoca moitos problemas para os veciños da Pontenova, por exemplo, que as chamadas para pedir cita se deriven a unha centralita, é dicir, non hai atención persoal, feito que complica aos maiores do municipio que se ven na obriga de desprazarse directamente ao centro de saúde para pedir unha simple cita.

 

O PSOE critica que estes recortes por parte do Goberno do PP producen maior saturación tanto na atención médica como na organización do centro. O PAC de referencia para A Pontenova é o do Concello de Meira, que en días como o sábado pola mañá ten unicamente un ATS, que non consegue cubrir a demanda pois ten que atender tanto ao PAC como aos maiores nas súas vivendas a través do servizo de atención domiciliaria.

 

Un concello moi envellecido e con moita dispersión poboacional

Para A Pontenova o correcto funcionamento do centro de saúde é indispensable, pois é un Concello con máis de 2.300 habitantes, que conta con 11 parroquias e 67 núcleos poboacionais, cunha dispersión poboacional de 17,5 habitantes/Km2 é unha taxa de envellecemento moi alta, pois o 36% da poboación supera os 65 anos de idade. Estas características condicionan a necesidade dunha atención próxima e áxil a todos os veciños e unha sanidade pública e persoal.

 

O Alcalde socialista da Pontenova e o seu equipo de goberno mantiveron varias reunións cos veciños para tratar estes problemas sobre o centro de saúde e recolleron máis de 1.500 firmas dos veciños para que o SERGAS cubrira a praza do médico. Ante a negativa da Xunta de Galicia de repoñer estas prazas o grupo parlamentario socialista rexistrou estas iniciativas na cámara galega para que se cumpran as necesidades que demandan os veciños da Pontenova.

Que che pareceu o artigo ?