Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, mantivo a semana pasada unha reunión de traballo con compañeiros no Ministerio de Fomento para abordar a detallada radiografía sobre o conxunto de estradas estatais na provincia que hai meses elaboraron os socialistas, defendendo a súa necesaria mellora ante a situación na que se atopan, pois o anterior Goberno Central do PP non executou durante anos nin tan sequera os traballos de conservación nas mesmas.

 

Os socialistas no Ministerio de Fomento confirmaron que o anterior Executivo do Estado do Partido Popular deixou totalmente atascados os poucos asuntos que deixou neste departamento e que afectan á provincia. Por este motivo, o PSOE está agora a destacar, resolver e axilizar os mesmos dentro dun marxe orzamentario practicamente esgotado e sen folgura orzamentaria.

 

Con todo, o traballo do PSOE comeza a dar os seus primeiros froitos, pois está previsto adxudicar en setembro obras de mellora en 20 quilómetros da N-642 con 2,9 millóns de euros e poder iniciar a execución das mesmas unha vez formalizado o contrato, nun prazo de entre 1 e 2 meses. Estes traballos levaranse a cabo nos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 26+950 e 28+800 e 36+500 e 55+000.

 

Os socialistas están ademais a redactar o proxecto de rehabilitación dos 30 quilómetros restantes da N-642 para mellorala integramente, pois conta cun total de 50 quilómetros. Este proxecto inclúe os treitos bacheados ao abeiro das “obras de urxencia” que finalmente decidiu iniciar o anterior Goberno Central do PP tras as múltiples reclamacións veciñais e do Partido Socialista dende todas as institucións para o arranxo desta estrada que vertebra a Mariña lucense.

 

Santos Ramos destacou que “o PSOE, como partido que representa aos veciños e polo tanto defende sempre os seus intereses, mantén as súas reclamacións, estando no Goberno ou na oposición. As necesidades dos lucenses seguen a ser as mesmas. Por este motivo, abordamos cos compañeiros de Fomento o estado das infraestruturas

estatais despois de anos nos que o PP no Executivo Central nin tan sequera executou os traballos de conservación nas mesmas”.

 

“Somos conscientes das limitacións orzamentarias, do mísero presuposto do Estado que o PP deixou para a nosa provincia e da complicada composición do Congreso. Pero contamos cun Goberno Central do PSOE comprometido cos lucenses e coa provincia, que está a traballar para desbloquear e axilizar os poucos proxectos presupostados para a nosa provincia e que nunca se levaron a cabo, pois o PP nada fixo”.

 

“As obras que se executarán na N-642 é o primeiro resultado deste traballo, que agardamos que dea moitos máis froitos, pois esta provincia e todos os lucenses o necesitamos”.

Que che pareceu o artigo ?