Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Antas de Ulla esíxenlle ao Alcalde do PP que remate urxentemente as obras do único parque infantil do Concello para que os nenos e nenas da vila poidan xogar nel. Así o comunicou este venres a voceira do PSOE, Pilar García Porto, tras constatar que faltan por incorporar os elementos de xogo e o peche perimetral de dito espazo público de ocio e tempo libre, situado na praza da Igrexa.

 

García Porto lembrou que “hai máis dun ano os socialistas denunciamos que o parque infantil se atopaba nun estado total de abandono, incumprindo coas normas de seguridade e as condicións hixiénico sanitarias establecidas pola lei. Ante este problema, a única solución que se lle ocorreu ao Alcalde foi desmantelar dito espazo público e deixar a todos os mozos e mozas do Concello sen esta instalación. Unha vez máis, fomos os socialistas, dende o Goberno da Deputación, os que levamos un investimento de 20.000 euros ao Concello de Antas de Ulla para renovar a totalidade do chan de goma e caucho que estaba moi deteriorado e levantado, pois dende o PSOE preocupámonos polas necesidades dos nosos veciños”.

 

A socialista criticou que dende hai un mes o pavimento do parque infantil xa está arranxado e ó único que falta é que o Concello o equipe con randeeiras e tobogáns, así como co peche perimetral. “A que está esperando o señor Alcalde para dotar de mobiliario de xogos a esta prestación pública? A que veña outra vez a Deputación e lle solucione os problemas? Queda demostrada a súa incompetencia e ineptitude ao non ser capaz de sacar adiante actuacións tan sinxelas como estas, prexudicando aos nenos e nenas que só queren un espazo para xogar e divertirse no municipio” espetou García Porto.

 

Queixas veciñais pola sucidade no Concello

A voceira municipal do PSOE en Antas de Ulla tamén instou ao Alcalde a realizar as labores de limpeza e mantemento das zonas públicas do municipio, pois “estamos recibindo moitas queixas dos veciños ante a sucidade e porcallada no que se atopan, na actualidade, as rúas, prazas, beirarrúas ou espazos verdes do Concello. Isto ven provocado pola desatención e o pasotismo do goberno do PP. Non vale de nada limpar agora que temos o Festival da Amizade e se aproximan as festas patronais e ter o resto do ano o Concello cheo de lixo, excrementos de pomba ou cabichas. Pedimos ao Alcalde máis seriedade e responsabilidade porque está a dar unha imaxe do noso municipio á xente que ven de fora que non se corresponde coa realidade dos veciños de Antas de Ulla”.

Que che pareceu o artigo ?