Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Alcaldesa do PSOE en Sarria, Pilar López Yáñez, denunciou este martes que o persoal da brigada de medio ambiente do Concello “está desbordado ante o aumento de avisos por parte dos veciños a causa da vespa velutina. Eliminamos máis de 90 niños no municipio durante todo o verán e a única axuda que nos proporcionou a Xunta de Galicia para facer fronte a esta praga foi entregarnos 2 traxes e unha pértega, poñendo en perigo a saúde destas persoas, pois non teñen formación, nin información específica sobre esta especie invasora”.

 

“No Concello de Sarria atopámonos, dende fai tempo, nunha situación de abandono e desprotección por parte da institución autonómica. Todos os días temos varios avisos de niños da vespa velutina localizados no municipio. Os niños da vespa asiática cada vez son máis altos e as escaleiras coas que contamos no Consistorio non nos alcanzan para poder actuar, polo que temos que chamar ao 112, que só avisa aos bombeiros en caso de situación de emerxencia. O problema é que segundo este servizo só é urxente se o niño está situado nun espazo público, preto dun centro escolar, deportivo ou se hai algunha persoa alérxica nese momento. Un despropósito porque como imos a saber se unha persoa é alérxica ou non? E que pasa coas zonas rurais do Concello? A todos estes inconvenientes súmase que os profesionais do parque comarcal de bombeiros están en folga e só cumpren os servizos mínimos, polo que algunhas veces tampouco poden vir a axudarnos” criticou López Yáñez.

 

A Alcaldesa do PSOE denunciou que “o Goberno de Feijóo, coas competencias directas na materia, desentendeuse totalmente deste asunto, deixándoo en mans dos municipios, cando é consciente de que carecemos dos medios económicos e humanos para combater a velutina. Os socialistas reclamamos á Xunta de Galicia que deixe de mirar cara a outro lado e tome as medidas oportunas para atallar este problema porque pola súa irresponsabilidade e incompetencia están poñendo en perigo a saúde de todos os sarriáns”.

 

O PSOE de Sarria levará ao próximo pleno unha moción sobre a velutina

López Yáñez informou de que a agrupación municipal socialista levará ao vindeiro pleno de Sarria unha moción sobre o problema da velutina elaborada polo PSOE provincial, que puxo a disposición de todos os seus compañeiros, para que se aproben os seguintes acordos:

 

– Instar á Xunta de Galicia a que declare oficialmente como praga a vespa velutina na nosa Comunidade Autónoma coa consecuente inxección económica e profesional que conleva.

 

– Instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a que revise a versión aprobada pola comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade do 14 de Novembro de 2014 e pola conferencia sectorial de Medio Ambiente o 16 de Abril de 2015 denominada “Estratexia de Xestión, Control e posible erradicación do Avispón Asiático ou vespa negra”.

 

– Trasladar ás Institucións Europeas a urxencia da situación medioambiental que está a suceder na provincia de Lugo e en Galicia e que se aborde no seo da Unión Europea para definir unha estratexia comunitaria.

Que che pareceu o artigo ?