Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Alcaldesa do PSOE en Sarria, Pilar López Yáñez, informou este mércores que “por fin, Sarria contará con chan industrial para que se instalen novas empresas no noso Concello”. Fixo estas declaracións tras a reunión que mantivo en Madrid co Director Xeral do Sepes (Entidad Pública Empresarial de Suelo), Alejandro Soler Mur, na que se anunciaron as datas para a licitación dos terreos e das obras de urbanización da segunda fase do polígono industrial do Morelle. Este encontro enmárcase no traballo conxunto do grupo municipal socialista de Sarria e dos compañeiros de Fomento para transformar os 240.000 metros cadrados do polígono en chan industrial.

 

López Yáñez explicou que “dende hai moito tempo Sarria ten unha necesidade real de chan industrial. Por este motivo, cando chegamos ao goberno, unha das nosas prioridades foi sacar adiante a segunda fase do proxecto do Morelle que levaba parado dende o ano 2013. Durante estes 3 anos trasladamos ao Goberno de Rajoy o noso interese por contar con chan industrial e a única contestación que recibimos era que estaban redactando o proxecto”.

 

“Co cambio no Executivo do Estado esta dinámica cambiou. Mantivemos varias reunións cos nosos compañeiros de Fomento e trala visitar de varios técnicos do Sepes a Sarria para coñecer in situ a situación do polígono, redactaron o proxecto definitivo que tiña paralizado o PP. Hoxe podemos dicir que Sarria contará co tan desexado chan industrial, amosando o compromiso dos socialistas por atender as reclamacións dos sarriáns. Isto permitirá que novas empresas se implanten no noso Concello, xerando novos postos de traballo e impulsando a economía de toda a Comarca”.

 

Máis de 25 novas empresas

Durante os últimos meses o Concello de Sarria recibiu máis de 25 peticións por escrito de empresarios de distintos sectores demandando chan industrial. Ademais, a Alcaldesa reuniuse con representantes dos interesados que lle comunicaron a vontade de adquirir polo menos 60.000 metros cadrados de parcelas cando se desenvolva a segunda fase do polígono. “Comezarase coa fase de precomercialización do Morelle e nas vindeiras semanas traballadores do Sepes visitarán Sarria para manter unha reunión cos empresarios interesados e informarlles sobre o prezo real por metro cadrado das 85 parcelas que vai ter o polígono. Unha vez estean licitados os terreos e as obras para a urbanización do polígono, as empresas poderán comprar as parcelas para iniciar as súas actividades” subliñou López Yáñez.

 

O PSOE traballa para que Sarria siga medrando

A Alcaldesa de Sarria fixo referencia á visita do Delegado Territorial da Xunta ao Concello lamentando que “o señor Balseiro non se preocupara, cando gobernaban os seus compañeiros do PP no Estado, de que Sarria contara con novo chan industrial, cando era coñecedor das nosas demandas. É unha boa noticia que a alta velocidade chegue ás empresas do polígono do Morelle, pero para Sarria é moito máis importante desenvolver a segunda fase do polígono e contar con novo chan que permita a instalación de novas empresas e a expansión das existentes, impulsando o tecido industrial do municipio. Dende o PSOE non nos preocupamos por saír ben nas fotos, nós traballamos para que Sarria siga medrando e satisfacer as necesidades dos nosos veciños”.

Que che pareceu o artigo ?