Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, ao Deputado autonómico, Luis Álvarez, ao voceiro do goberno socialista no Concello lugués, Miguel Fernández, e á Secretaria Xeral do PSOE no municipio de Lugo, Ana González Abelleira, avanzou este venres que o Partido Socialista pide a comparecencia de Feijóo no Parlamento de Galicia para que explique por que bloqueou o proxecto do barrio da Residencia e ocultou esta información que debía ser pública aos veciños.

 

Santos Ramos explicou que “o Partido Popular pegou outro hachazo aos veciños de Lugo, pois dende a Xunta de Galicia anulou o trámite imprescindible para poder levar ao barrio da Residencia os servizos non sanitarios comprometidos aos lucenses: oficina de emprego, planta de biomasa, centro de emprendemento aeronáutico e comisaria”.

 

“Feijóo, coa clara complicidade dos seus compañeiros do Partido Popular en Lugo, fíxoo isto ás agochas, con alevosía e nocturnidade, o mesmo día no que se debatía a moción de censura no Goberno Central”.

 

Cómpre lembrar que non se publicou o acordo do Consello da Xunta do 31 de maio polo que se deixou sen efecto dous acordos, que se tiñan aprobados con anterioridade, para a retrocesión ao Estado de dous edificios do Vello Xeral. Este trámite é imprescindible para ampliar os usos do complexo, que por lei só son sanitarios, e, polo tanto, para facer o cambio de uso e poder desenvolver o proxectado no barrio da Residencia.

 

Feijóo, Balseiro e Carballo, os implicados

“Hai varios actores, persoas con responsabilidades políticas, que tiveron que ver con isto e deben dar explicacións aos lucenses”, engadiu o Secretario, apuntando que:

 

  • Feijóo toma a decisión no seu Consello da Xunta de renunciar á retrocesión necesaria para que poidamos avanzar neste proxecto o mesmo día da moción de censura no Goberno do Estado”.
  • “Nin Feijóo nin Balseiro, -o representante do PP e delegado da Xunta en Lugo, cuxa única preocupación é que siga gobernando o Partido Popular para manter o seu estatus, fan público este acordo”.

 

  • “Ramón Carballo, por aquel entón Subdelegado do Goberno en Lugo, tamén o oculta. Tiña a obriga de comunicar isto aos veciños no momento en que o Goberno Central foi coñecedor deste cambio; no momento en que lle foi trasladada esta decisión como parte implicada.

 

Feijóo acusa a Carballo

“Se é certo o que agora di a Xunta, Carballo tamén tiña que ter informado aos lucenses cando o Goberno Central ao que representaba en Lugo solicitou a anulación desta retrocesión. Sorprende ver a Feijóo culpabilizar de todo isto a Carballo, o seu candidato á alcaldía de Lugo. Carballo empeza con moi mal pé: paralizando o proxecto do barrio da Residencia, sen facer ningunha xestión para que isto non acontecese, enganando e ocultando información aos lucenses, sen darlles ningunha explicación…e ata recibindo directamente as culpas por parte do Presidente da Xunta e do Partido Popular”

 

O PP, “imaxe da mentira e do engano aos veciños”

“A imaxe que está trasladando o Partido Popular da política é moi triste. O PP é imaxe da mentira, do engano e do desprezo aos veciños. Comezando por Ameijide, que cala os ataque que ten feito Carballo aos veciños; seguindo por Balseiro, que oculta as catastróficas decisións do PP na Xunta para a provincia de Lugo; Carballo, que foi cómplice número un de Feijóo para deixar os veciños do barrio da Residencia sen esperanzas; e Feijóo, que polo único que se lle coñece en Lugo e por vir a comer o polvo”, subliñou Santos.

 

“Todos lembramos cando o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, a entonces Ministra de Empleo, Fátima Báñez, os Conselleiros de Facenda e Sanidade, escoltados por todos os seus compañeiros do PP en Lugo, con Balseiro e Carballo en primeira liña, viñeron ao propio barrio da Residencia a presentar aos veciños o proxecto para a posta en valor desta zona. Unha vez máis, o Partido Popular só trouxo aos lucenses mentiras, falacias, espectáculos e titulares”.

 

Compromiso do PSOE cos veciños

“O PSOE é o partido dos veciños, o partido que os representa e os defende sen fisuras. Por iso, pedimos a comparecencia de Feijóo no Parlamento galego, pois ten que explicar a todos os lucenses por que renunciou e ocultou esta retrocesión, coa complicidade dos seus compañeiros  do PP en Lugo, que paraliza o proxecto do barrio da Residencia. O Partido Socialista pon en marcha todos os seus recursos institucionais e políticos para desvelar a verdade e, por suposto, para desbloquear o tan necesario proxecto para o barrio da Residencia”, apuntou o Secretario.

 

“Os veciños están indignados. Séntense ninguneados”

A Alcaldesa de Lugo explicou que “reuninme cos veciños do barrio da Residencia para comunicarlle todo isto e vin a súa indignación, séntense ninguneados, defraudados e desprezados polo Goberno da Xunta de Galicia. Empatizamos con eles cando descubrimos todo isto, que nunca nos foi trasladado, que nos ocultaron”.

 

“Pedimos un compromiso real co barrio da Residencia”

Lara Méndez engadiu que “escoitamos xustificacións peregrinas, pois dixeron que están traballando intensamente cando vimos que o protocolo establecía un prazo de 1 mes e logo foron 6 meses para o inicio e 8 para a segunda concesión. E logo anulan todo. Pedimos á Xunta de Galicia un compromiso real co barrio da Residencia, que se faga todo o proxecto para os nosos veciños, pois levan anos e anos demandándoo”.

Que che pareceu o artigo ?