Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou este xoves que os socialistas manterán encontros con todos os militantes de cada unha das Comarcas da provincia, iniciando deste xeito o curso político. Os Encontros Comarcais coa Militancia arrancarán esta fin de semana.

 

Santos Ramos explicou que “o PSOE son os militantes, aos que temos a obriga de dar conta do traballo que levamos a cabo dende a dirección que elixiron. Estes encontros, ademais dun exercicio de transparencia, buscan fomentar a participación, o diálogo, o debate ou a posta en común de inquedanzas e perspectivas, que permita ao Partido Socialista na provincia de Lugo afondar nun proxecto que recolla e englobe as demandas, preocupacións e necesidades que teñen os veciños da nosa provincia”.

 

“Entendemos que a mellor forma e xerando espazos nos que todos os militantes falen abertamente. Non pretendemos facer actos masivos e  de aplausos, buscamos actos útiles, de participación, transparencia, dialogo e debate, nos que recollamos as diferentes necesidades e demandas dos veciños de cada unha das Comarcas. Facémolo dende o ámbito comarcal porque cremos na comarca como ente territorial que aglutina sinerxías ou conxunturas comúns e diferentes a doutros territorios”.

 

“É evidente que o Secretario Xeral e os compañeiros que integran a Executiva Provincial Socialista non podemos falar todos os días con cada un dos máis de 2.000 militantes. Por iso, iniciamos os Encontros Comarcais coa Militancia, cumprindo e dando continuidade a un dos compromisos que adquirín durante as primarias”.

 

Son 7 Encontros Comarcais abertos aos máis de 2.000 militantes dos 67 Concellos. Terán lugar na Comarca da Mariña (Cervo, 8 de setembro);  Comarca de Lugo (capital lucense, 9 de setembro); Comarca do Suoreste (Monterroso, 10 de setembro), Comarca de Sarria (localidade de Sarria, 11 de setembro); Comarca de Lemos (Monforte de Lemos, 14 de setembro);  Comarca da Montaña (A Fonsagrada, 15 de setembro) e Comarca da Terra Chá (Vilalba, 15 de setembro).

 

Máis participación

Estas xuntanzas organizadas polos socialistas forman parte do traballo feito ata agora pola dirección do partido para aumentar a participación dos militantes e afondar na transparencia. Por exemplo, cada mes teñen lugar as Comisións Comarcais, que reúnen a cada un dos 7 Coordinadores coa Comarca da Executiva Provincial Socialista, Alcaldes e voceiros dos Concellos da respectiva Comarca, así como os secretarios xerais e 1 militante elixido abertamente por cada agrupación municipal. A participación de todos os militantes nos Comités Provinciais ou o Espazo para o Militante habilitado de xeito especial na sede provincial son outros exemplos do traballo desenvolto para convidar aos militantes a ser máis partícipes e corresponsables do seu partido.

Que che pareceu o artigo ?