Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo, César Fernández Murias, denunciou este domingo “a mala xestión do Alcalde e do equipo de goberno co servizo de recollida de lixo, pois os contedores amarelos levan máis de 3 días sen ser atendidos pola empresa concesionaria do servizo, acumulando desperdicios e ocasionando malos cheiros, e o punto limpo do Concello leva outros 10 días. Este problema agrávase porque estamos en plenas festas patronais, ofrecendo unha pésima imaxe do municipio a todas as persoas que nos visitan durante estas datas. Por estes motivos e tralas numerosas queixas veciñais solicitamos de forma urxente a retirada do lixo”.

 

Fernández Murias criticou “a irresponsabilidade do Alcalde que sabía perfectamente que isto podía acontecer porque a empresa comunicoulle hai tempo que ían deixar de prestar este servizo por problemas económicos. E cal foi a súa solución para reverter esta situación? Non facer absolutamente nada”.

 

“A falta de previsión e o deixamento do Goberno do BNG prexudica a todos os ribadenses que están pagando por unha prestación pública que non se realiza. O Alcalde debe responsabilizarse e preocuparse polas necesidades dos veciños de Ribadeo e non botarlle a culpa a empresa que xestionaba a recollida de lixo. Ribadeo debe amosar aos turistas e a todos os nosos visitantes un imaxe coidada, limpa e ordenada pero por desgraza os contedores da nosa vila reflicten todo o contrario”.

 

O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo destacou que “dende o PSOE, como partido que representa aos veciños e defende sempre os intereses veciñais por riba de todo, seguiremos denunciando este maltrato que están a sufrir os ribadenses por parte do Alcalde”.

Que che pareceu o artigo ?