Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Portavoz Socialista do Saviñao, Celestino Rodríguez Pombo, celebrou o arranxo da LU-P-4102, dende Villareme a Córneas, que financiará a Deputación para completar a renovación integral desta estrada, que vai de Escairón a Currelos. Rodríguez Pombo apuntou que “esta era unha demanda dos veciños do municipio que trasladamos dende o Grupo Socialista ao Executivo Provincial, obtendo o seu compromiso para darlle unha resposta o máis inmediata posible. De feito, os técnicos da Deputación xa están a elaborar dende fai preto de dous meses o proxecto para que, previsiblemente na primavera do ano que vén as obras estean executadas”.

 

Trátase dunha vía de comunicación fundamental no Saviñao, pois une o norte e o sur do municipio, polo que conta cun elevado volume de tráfico a diario. O investimento da Deputación para completar a súa reparación integral, co arranxo de preto de 8 quilómetros, comprendidos entre os puntos 14 e 22, será duns 350.000 euros.

 

Rodríguez Pombo agradeceu á Deputación “a sensibilidade que ten polo arranxo integral da estrada LU-P-4102, completando a renovación do tramo dende Villarreme a Córneas. Sen dúbida, trátase da estrada con maior tránsito de todas as da Deputación no Saviñao, polo que hoxe celebramos, como non pode ser doutra forma, este anuncio e compartímolo cos veciños e veciñas, pois con estas actuacións dáse resposta á súa demanda”.

 

O Portavoz Socialista engadiu que “é de agradecer o compromiso do equipo de Goberno da Deputación, pois esta é unha petición que lle trasladamos os socialistas do Saviñao e dende un primeiro momento contamos coa súa palabra. Neste senso, subliñar que os socialistas tratamos de arranxar os problemas das persoas e, por iso, o máis importante é que os veciños van a poder beneficiarse dunha estrada totalmente acondicionada grazas ao noso esforzo conxunto”.

Que che pareceu o artigo ?