Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, mantiveron este luns en Madrid unha reunión de traballo coa Directora de Adif, Isabel Pardo de Vera, para afondar nas demandas dos veciños deste municipio a este organismo do Estado.

Os socialistas defenderon a necesidade de desenvolver un proxecto que humanice os espazos ferroviarios pechados tras a entrada en servizos dos case 8 quilómetros do novo trazado, mantendo a propiedade pública e dándolle uso público.

O Alcalde de Láncara conseguiu o compromiso firme de Adif de humanizar o espazo de máis de 1 quilómetro na Pobra de San Xillao mediante un proxecto que permita a mellora de accesos.

Piñeiro López acadou ademais a garantía de que tanto o conxunto dos terreos do antigo trazado ao seu paso polo Concello de Láncara, como o propio edificio da antiga estación na Pobra de San Xillao manteñan a súa titularidade pública e lle dean un uso público en beneficio de todos os veciños deste Concello. Adif comprometeuse co Alcalde a non deixar en ningún caso que este entorno caia en mans privadas.

Reunión para afondar na recuperación dos case 8 quilómetros

A proposta dos socialistas, nas vindeiras semanas celebrarase en Láncara unha reunión na que afondar cos 4 Concellos afectados pola posta en servizo do novo trazado (Láncara, Sarria, O Páramo e O Corgo) a posibilidade dun proxecto de recuperación da Senda Verde.

Este incluiría a posta en valor dos case 8 quilómetros do antigo trazado, humanizándoo, mantendo a súa propiedade pública e dándolle uso público.

Santos Ramos avanzou que técnicos de Adif abordarán este asunto nunha visita nas vindeiras semanas.

Que che pareceu o artigo ?