Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Barreiros critican que o Concello do PP decida gastar 250.000 euros en dúas anualidades para o servizo municipal de mantemento e reparación da rede de abastecemento da auga, cando o Consistorio conta con máis de 80 persoas no seu persoal que poderían desempeñar estes traballos. Así o denunciou este xoves a voceira do PSOE en Barreiros, María Carmen Veiga, que apuntou que “con estes cartos poderíamos mellorar a rede de abastecemento e non teríamos os problemas que estamos tendo, cun servizo deficiente, con continuas roturas da traída de auga central, como aconteceu hai pouco na parroquia de San Cosme”.

 

“Os socialistas confíamos na profesionalidade do persoal municipal, pero se non están cualificados, sería moito máis produtivo e económico ofrecer cursos de formación á ampla nómina de traballadores, en vez de pagarlle a unha empresa para que preste un servizo que moitas veces non redunde nun mellor funcionamento”.

 

O Grupo Municipal Socialista censura que dende o goberno do PP se estean privatizando servizos municipais de Barreiros que anteriormente realizaba o Concello. “É un modelo equivocado que o único que busca é esconder as deficiencias da xestión deste Alcalde. Son as políticas ás que nos ten acostumado o PP, que só se preocupan nos intereses persoais en vez de atender as necesidades dos veciños e veciñas” censurou a voceira do PSOE.

 

María del Carmen explicou que “con 125.000 euros ao ano o Concello do PP podería desenvolver proxectos e iniciativas sociais para mellorar as prestacións públicas, e deste xeito, o benestar dos barreirenses. Como por exemplo, abastecer ao conxunto do municipio de rede de saneamento porque é lamentable, que na actualidade, máis do 65% do territorio de Barreiros non o teña. Tamén podería acondicionar camiños e accesos que levan preto de 20 anos sen arranxarse ou dotar de Centro de Día ao Concello, como prometeu o Alcalde”.  

 

Sen mapa da rede de abastecemento

A voceira socialista informou que o Concello de Barreiros “non ten definido o mapa da rede de saneamento, polo que cando temos algún tipo de avaría, os traballadores tardan días en arranxala porque non dispoñen dun itinerario das traídas de auga municipais, prexudicando aos veciños e veciñas que non poden contar cunha necesidade básica, como é a auga, para o seu día a día”.  

Que che pareceu o artigo ?