Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Mondoñedo denuncian que o equipo de Goberno de Elena Candia, aprobou en solitario, rebaixar á empresa NORVENTO o 50% do ICIO, o que supón que os veciños de Mondoñedo deixarán de percibir preto de 110.000 euros pola recadación deste imposto. Acusan a Candia de “actuar como accionista de Norvento, en vez de defender os intereses dos veciños de Mondoñedo”.

 

A voceira municipal socialista, Esperanza González explicou que as rebaixas que marca a ordenanza, aprobada por unanimidade, están enfocadas á promoción de PEMES e autónomos e non a rebaixa de impostos a empresas millonarias.

 

González replica que “o Concello de Mondoñedo pasará a historia por ser o primeiro de Galicia en rebaixar un imposto pola creación de 5 postos de traballo a unha empresa que conta con máis de 20 millóns de euros de beneficios. Esta é a xestión do PP e de Elena Candia”. Ademais lembra que esta empresa xa ten outros centros de traballo na provincia, como Muras ou Abadín, e en ningún destes concellos se realizou ningún tipo de rebaixa pola implantación desta empresa.

 

A socialista informou que esta empresa xa conta con axudas da administración autonómica para a explotación deste sector e conta coa concesión pública que realiza o propio goberno autonómico.

 

Nese senso a voceira pregúntalle á rexedora “por qué os mindonienses teñen que deixar de percibir eses preto de 110.000 euros, senón se fixo en ningún Concello de Galicia? Un investimento que podería servir para desenvolver outro tipo de proxectos na nosa cidade, como por exemplo a xeración de novos empregos”.

 

Por último os socialistas critican que Candia parece máis unha parte interesada na empresa, que unha representante pública e institucional, que por encima de todo debe defender os intereses dos seus veciños.

 

“Os mindonienses non poden permitirse o luxo de perder recursos e investimentos a costa dos favores políticos de Elena Candia. O futuro de Mondoñedo e dos seus veciños non pode someterse á carreira política de ninguén”, resumiu.

Que che pareceu o artigo ?