Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o Secretario de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, participaron na conferencia sobre a velutina: Apicultura, Ciencia e Control que tivo lugar no Concello do Valadouro con motivo da XXXI Feira do mel. Durante a xornada interviñeron a apicultora, MariaFé Sixto, o investigador do Campus Terra da USC, Xesús Feás, e o xerente de SERPA, Jose María Vázquez, que explicaron aos veciños as características da vespa asiática e como combatela, así como os traballos levados a cabo polo Concello, xunto a apicultores e veciños, para controlar a vespavelutina, pois trátase do primeiro municipio de Europa que conseguiu e demostrou que se pode dominar a praga.

 

O Alcalde do Valadouro explicou o traballo levado a cabo dende o Concello durante os últimos 4 anos para facer fronte á velutina. Pasaron de 400 niños a preto de 20 facendo un trampeo amplo e artesanal  con botellas de plástico, zume de amorodos e unha bebida alcohólica, como pode ser a cervexa. Esta primavera, mataron 1.500 raíñas, que poderían producir outros tantos niños no caso de viviren todas e ata un máximo de 4.500, pois cada exemplar pode chegar a xerar 3 niños. Na tempada pasada, atraparon máis de 350 niños, pois o Concello contabilizou uns 200, os GES de Cervo –que son os que atenden ao Valadouro- outros 115 e os abelleiros máis de 60.

 

“Con estes resultados demostramos que se pode combater a velutina sen facer grandes gastos, pois todo este proceso de trampeo non superou os 400 euros. Esta é unha folla de ruta moi interesante que dende o Concello, apicultores e veciños seguiremos desenvolvendo á vista dos éxitos acadados. Isto deixa de releve que se se ten interese, como é caso do Valadouro, pódese facer fronte a esta especia invasora. Agardamos que dende as institucións coas competencias nesta materia, como é o caso da Xunta de Galicia, se acheguen máis medios e non deixen desamparados aos Concellos do rural”.

 

Santos Ramos explicou que “no 2014 había 14 Concellos da provincia afectados pola velutina. No 2017, o último ano co rexistro completo por parte da Xunta de Galicia,xa hai 56 Concellos con este problema. Estivemos no Valadouro vendo os resultados dun traballo específico para paliar e minorar, no posible, o efecto desta especie invasora. Vimos que teñen conseguido pasar de 163 niños retirados polo propio Concello a 30 este ano, demostrando que se unificamos, homoxeneizamos e profesionalizamos os métodos de loita e se fai dun xeito regulado, que o que pedimos dende o PSOE cando presentamos unha proposta para que se declare como praga, acadamos resultados positivos, recuperando a produción apícola e polo tanto mellorando a seguridade dos veciños da provincia”.

 

Reclamacións dos socialistas

Os socialistas reclaman ao Goberno galego a declaración de praga da velutina debido a súa constante expansión, pois apareceu na Mariña, pero hoxe xa invade practicamente todo o territorio galego. Isto obrigaría á Xunta a habilitar medios económicos e humanos especializados para facerlle fronte cos que hoxe non se contan. Dende o PSOE propoñen ademais a coordinación de todos os medios autonómicos para tentar combatela, feito que non levou a cabo o Goberno galego cando os propios profesionais se ofreceron a facelo.

 

O PSOE esixe ao Executivo autonómico a elaboración dun estudo técnico pormenorizado para, non só tentar ter unha maior precisión na localización dos niños, senón, principalmente, coñecer o ciclo biolóxico da vespavelutina, o seu comportamento, evolución, adaptación, consecuencias para a salubridade ou o medio ambiente, pois xa está a atacar a outros polinizadores ademais das abellas, alterando a natureza..

 

Os socialistas tamén demandan que a invasión da velutina se aborde no seno da Unión Europea para definir unha estratexia comunitaria; así como que o Ministerio de Medio Ambiente revise e actualice o protocolo que se definiu no 2015 baixo o nome de Estratexia de Xestión, Control y Posible Erradicación del Avispón Asiático o Avispa Negra, posto que dende a súa aprobación a especie evolucionou e expandiuse considerablemente.

Que che pareceu o artigo ?