Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Valedor do Pobo admitiu a solicitude de amparo que o Grupo Municipal Socialista de Antas de Ulla presentou en dita institución tras as reiteradas evasivas do Alcalde a convocar Plenos, Xuntas de Goberno e a Comisión de Contas. O Valedor do Pobo requiriu ao Concello un informe exhaustivo que terá que presentar nun prazo de 15 días para, unha vez estudada a documentación, valorar as actuacións que teñen que tomar.

 

Os socialistas enviaron ao Valedor do Pobo unha relación detallada dos incumprimentos que o Goberno do PP en Antas de Ulla levaba cometido no presente mandato, entre as que se atopaban a non convocatoria de dous Plenos, non celebrar Xuntas de Goberno durante dous meses ou non convocar a Comisión Especial de Contas para poder aprobar as contas do ano anterior, dificultando, deste xeito, a participación dos grupos da oposición.

 

A voceira do PSOE en Antas de Ulla, Pilar García Porto, amosou a súa satisfacción pola disposición e atención prestada polo Valedor do Pobo “para analizar esta situación anómala que, por desgraza, levamos moito tempo soportando por parte do señor Varela. Tivemos que recorrer a esta vía ante o constante incumprimento por parte do Executivo Municipal que impide a participación democrática. Agardamos que dende o Valedor do Pobo se tomen as medidas necesarias para que se cumpra a lei porque o que non é normal é que pasen 7 meses sen celebrar un pleno ou que non se convoquen Xuntas de Goberno cando só se teñen que reunir os integrantes do mesmo”.  participación

 

“No último pleno ordinario celebrado, grazas a insistencia dos socialistas, solicitábamos ao Alcalde do PP que cumprira coa legalidade e que convocara ditas sesións. A nosa sorpresa foi a súa negación, outra vez máis, amosando unha absoluta deixadez. Confiamos en que o Valedor do Pobo restableza a normalidade para atender as necesidades dos veciños de Antas, que é o que de verdade nos preocupa”.

 

“As decisións deste Goberno do PP o único que están provocando é a parálise do Concello, que leva moito tempo sen executar novos investimentos e perdendo subvencións doutras administracións públicas por non aprobar a Conta Xeral do ano anterior. Esta situación produciuse xa o ano pasado, pois o Alcalde do PP non presentou a Conta Xeral do Orzamento de 2016 no período correspondente para facelo, provocando que o Concello perdese directamente calquera tipo de axuda pública en detrimento de todos os veciños”.

Que che pareceu o artigo ?