Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Tras as reiteradas reclamacións e acudir ao Valedor do Pobo, o PSOE de Antas de Ulla obriga ao Alcalde do PP a convocar para mañá dous Plenos:

 

– unha sesión ordinaria, que non se celebra dende hai 7 meses pola negativa do Alcalde de convocala a pesares de incumprir a normativa vixente, e na que socialistas, representando e defendendo aos seus veciños, esixirán ao Rexedor que informe sobre as máis de 200 alegacións veciñais presentadas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal xa fai 2 anos. A día de hoxe, non se sabe nada sobre as mesmas.

 

– e unha sesión extraordinaria, na que o PSOE instará ao Alcalde a convocar de xeito inmediato a, obrigatoria por lei, Comisión de Contas e presentar á mesma a Conta Xeral do Orzamento de 2017 para aprobala canto antes. O prazo máximo para aprobala era o 1 de outubro.

 

Non aprobar a conta xeral do orzamento, suporía que Antas de Ulla perda de novo a oportunidade de recibir axudas económicas doutras administracións. Esta situación produciuse xa o ano pasado, pois o Alcalde do PP non presentou a Conta Xeral do Orzamento de 2016 no período correspondente para facelo, provocando que o Concello perdese directamente calquera tipo de subvención pública en detrimento de todos os veciños.

 

No Pleno Extraordinario, o PSOE de Antas de Ulla esixirá ao Alcalde do PP que cumpra a normativa, convocando Plenos Ordinarios cada 3 meses (o último foi en marzo) e Xuntas de Goberno cada mes.

 

A voceira do PSOE en Antas de Ulla, Pilar García Porto, subliñou que “os socialistas levamos moito tempo demandando ao Alcalde, por todas as vías, que convoque as ordinarias sesións plenarias, que todas as entidades públicas teñen a obriga legal de celebrar. Ata formulamos unha queixa no Valedor do Pobo. A nosa presión xurdiu efecto e mañá teremos Pleno. Nesta sesión, preguntaremos ao Rexedor polas máis de 200 alegacións que os nosos veciños presentaron ao PXOM hai 2 anos e sobre as que a día de hoxe non saben nada. Teñen dereito a coñecer, cando menos, en que situación se atopan as súas queixas”.

 

García Porto destacou que o Rexedor do PP xa non informou aos veciños sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobándoo de xeito inicial co absoluto descoñecemento por parte da cidadanía. “Ante esta situación, que se produciu hai anos, os socialistas acudimos a profesionais do sector e organizamos sesións informativas, nas que cada veciño puido coñecer como lle afectaba ou como e cando podía presenta a súa correspondente alegación ao mesmo”.

 

A voceira subliñou que “os socialistas tamén demandamos unha sesión plenaria extraordinaria para esixir ao Alcalde que non faga o do ano pasado. Que convoque xa a Comisión de Contas e presente a Conta Xeral do Orzamento de 2017 para aprobala, pois o prazo máximo para facelo era o 1 de outubro. Con todo estamos a tempo de que o noso Concello, e por extensión todos os nosos veciños, non perdan un ano máis a oportunidade de poder concorrer e recibir axudas económicas doutras administracións. Só pedimos ao Alcalde que cumpra a lei e atenda a todos os nosos veciños”.   

Que che pareceu o artigo ?