Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou este xoves sobre a posta en marcha de 5 grupos de traballos abertos a todos os militantes do partido para analizar a situación da Muller, da Sanidade e dos Servizos Sociais, da Sustentabilidade do Rural e da Cultura nos 67 Concellos. Os socialistas afondarán nas peculiaridades, necesidades e oportunidades de cada territorio, poñéndoas en común co obxectivo de ofrecer aos veciños políticas útiles e construtivas que redunden na mellora da súa calidade de vida e na igualdade de oportunidades vivas onde vivas.

 

Ata finais de novembro, os militantes de todas as agrupacións locais do PSOE na provincia poden anotarse nun dos seguintes 5 grupos de traballo:

 

– Muller. É a 1ª vez na provincia que un partido xera un espazo de traballo sobre a muller para facer unha análise da actualidade política, lexislativa e social dende unha perspectiva de xénero. Ponse en marcha tamén deste xeito un espazo de posta en común da visión de todas as mulleres, no que por exemplo se poidan compartir experiencias e coñecer a realidade das mulleres que viven no rural e as que o fan nun ámbito máis urbano.

 

– Sanidade e servizos sociais. O PSOE defende como unha das súas máximas prioridades unha sanidade pública, universal e de calidade. Na actualidade, o mapa asistencial da sanidade especializada que ofrece o PP dende a Xunta de Galicia non responde con eficiencia ás necesidades dos veciños, favorecendo á sanidade privada ou provocando a desatención. Os hospitais non contan con servizos nin profesionais suficientes, facendo que as listaxes de espera por unha consulta superen nalgún caso o ano e obrigando a múltiples desprazamentos para poder ser atendidos. O desmantelamento da sanidade pública do Partido Popular tamén afecta á atención primaria. Hai unha evidente falta de recursos humanos e materiais, que deriva nunha asistencia sanitaria tardía. Un dos exemplos máis notables é a Montaña Lucense, que conta cun elevado índice de poboación envellecida e unha ampla dispersión xeográfica. Os escasos profesionais sanitarios que existen na Comarca teñen que desprazarse a cotío para atender aos veciños, deixando as consultas diarias nos centros sanitarios sen a atención que se require. Os socialistas defenden que un veciño ben atendido e diagnosticado terá maior capacidade de superar unha doenza.

 

Tampouco son suficientes os servizos sociais, pois hai centos de persoas que agardan por prestacións durante anos e incluso que nunca lles chega. Por exemplo, por non estar catalogados como dependentes. Tamén hai que repagar prestacións polo copago fixado polo Partido Popular. Ante esta situación, os socialistas no Goberno Provincial da Deputación incrementaron nun 150% os fondos destinados ao Servizo a Domicilio para non dependentes, atendendo hoxe a máis de 2.300 maiores de toda a provincia; ou ofrecen unha Teleasistencia gratuíta a outros 1.600 veciños. Outro dos problemas públicos e oficiais que sofre a provincia de Lugo é a falta de prazas públicas en residencias públicas, deficiencia que trata de facer fronte o PSOE tamén dende o Goberno Socialista na Deputación.

 

-Educación. Outro dos piares da sociedade para o PSOE é ofrecer unha educación pública, universal, de calidade e igualitaria. Os evidentes recortes nesta materia que aplicou o PP na Xunta supuxo que hoxe existan diferentes modelos educativos nos territorios e polo tanto desigualdades en función de onde vivan. Por exemplo, hoxe en Portomarín hai clases agrupadas de nenos de 6 a 12 anos ou de 3 a 6 anos no Corgo, entre outros moitos casos. Con este grupo de traballo, os socialistas avaliarán o deseño da educación nos diferentes niveis formativos para dar resposta aos retos do presente e do futuro.

 

Sustentabilidade do Rural. O grave problema demográfico, a situación das infraestruturas e dotacións públicas necesarias para poder vivir con dignidade nas distintas localidades da provincia, as necesidades do sector primario ou a ordenación do territorio, serán algunhas das cuestións fundamentais para a provincia de Lugo que se avaliarán neste grupo de traballo.

 

– Cultura. Os socialistas entenden a cultura como a identidade, historia e tradición que define a un pobo. Neste grupo, porán en valor o traballo levado a cabo por referentes culturais na provincia que foron impulsores de importantes transformacións sociais e determinarán iniciativas que potencien a cultura lucense, buscando a imprescindible participación e implicación cidadá para promover con orgullo a cultura da provincia de Lugo.

Que che pareceu o artigo ?