Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a proposta levada polo Goberno do PSOE para instar á Xunta de Galicia a dotar dun profesor xa ao CEIP Virxe da Luz de Portomarín. Os socialistas levaron esta iniciativa tras as numerosas queixas dos pais e nais dos alumnos do colexio tras sufrir neste curso o recorte dun profesor por parte do PP no goberno galego, o que supuxo o agrupamento de tres cursos escolares que anteriormente estaban en dous, pasando de 3 clases a dúas.

 

A Secretaria do PSOE en Portomarín, Silvia Rodríguez, subliñou que “esta situación supón unha diminución da calidade educativa pois concéntranse nenos de 6 a 12 anos agrupados en dúas clases debido aos recortes que aplicou o Partido Popular na Xunta de Galicia. Este grave problema que preocupa e afecta a ducias de familias do Concello produce unha falta de igualdade de oportunidades con respecto a outras escolas, pois cada hora de clase ten que repartirse en tres niveis diferentes polas distintas necesidades do alumnado o que provoca que en Portomarín os nenos reciban 16 minutos de materia por clase mentres os alumnos de Lugo reciben 50 min. Un auténtico despropósito pois uns están empezando a ler e outros a multiplicar”.

 

“Isto non se corresponde cunha educación pública e de calidade á que temos dereito e pola que debemos pelexar todos os cidadáns. Dende o Partido Socialista pedímoslles que demanden de xeito inmediato aos seus compañeiros do PP no Goberno galego, explicitamente a Feijóo, que poña fin aos recortes que aplicaron en educación e resolva xa a situación na que se atopan as familias de Portomarín, incorporando un docente de primaria máis ao colexio público municipal. Non somos números, e sobre todo no rural débense valorar as necesidades específicas de cada Concello”.

 

A socialista explicou que os propios mestres denuncian que o sistema de docencia nesta situación non é o idóneo pola diferente madurez intelectual e persoal das nenas e nenos que se concentran nunha mesma aula e a perda de tempo ao ter que enfrontarse a diferentes necesidades pedagóxicas.  “A maiores, esta redución de profesorado, especialmente nas zona rurais, afonda aínda máis no despoboamento pola perda de servizos, polo que a dotación de servizos nos núcleos rurais do interior de Galicia debería ser non unha cuestión de números senón de dereitos para que a xente non teña que emigrar á cidade”.

 

Unha proposta levada polo PSOE co apoio de máis de 2.000 firmas

Silvia Rodríguez destacou que a reivindicación das nais e pais dispón dun amplo apoio da veciñanza pois foron capaces de recoller máis de 2.000 sinaturas. Ante esta situación, o PSOE

levou unha proposta ao Pleno Municipal que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos da corporación na que se esixía a Xunta de Galicia que reincorporara ao profesor no CEIP Virxe da Luz de Portomarín.

Que che pareceu o artigo ?