Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Agrupación Socialista de Antas de Ulla amosou a súa satisfacción polo investimento de 110.000 euros que a Deputación destina para a adquisición dun novo camión de recollida de lixo para o municipio. A voceira do PSOE, Pilar García Porto, explicou que “dende fai anos a prestación deste servizo é deficitaria e ocasiona grandes gastos xa que o vehículo co que se realizaba a recollida de lixo e que era propiedade do Concello caeu en desuso pola súa antigüidade, máis de 20 anos. Isto provocaba constantes avarías que supoñían elevados custes de ata 3.000 euros ao mes. Na actualidade estase facendo a recollida cun camión en préstamo, os custes e repercusións de todas estas deficiencias estámolas pagando todos os veciños”.

 

Neste eido, García Porto criticou que o Concello leva ofrecendo un servizo de recollida de lixo moi deficitario durante anos, “pois en varias ocasións tiveron que reducir ou suspender temporalmente dita prestación debido aos numerosos problemas co camión. Con esta dotación dende o PSOE no Executivo Provincial amosamos a nosa sensibilidade e compromiso cos problemas dos veciños de Antas de Ulla, dando resposta a unha necesidade, dentro da nosa aposta decidida por mellorar a calidade de vida das persoas”.

 

“Agora preséntase unha oportunidade única para mellorar este servizo, coa intensificación de rutas e datas de recollida, xa que  a achega da Deputación e os 28.000 euros que achega a Dirección Xeral da Administración local permitirán que o Concello non teña ningún gasto para a compra deste vehículo. Agardamos que o Alcalde de Antas de Ulla traballe arreo para garantir os mínimos prazos nos trámites para a compra do vehículo, posto que xa coñecen detalles como marca e o modelo. Así agardamos, que canto antes, se poña a disposición dos veciños este servizo básico e fundamental no día a día”.

 

“Dende o Partido Socialista confiamos en que os arredor dos 60.000 euros que ingresa o Consistorio cada ano e que proveñen do peto dos veciños, se revertan, tal e como contempla a lei, no propio servizo para melloralo, dotando de máis contedores ao municipio; na limpeza, desinfección e mantemento de contedores durante todo o ano, así como na redución de distancias e mellora da accesibilidade aos mesmos dende os fogares, sobre todo nos abicados nas aldeas”, engadiu García Porto.

Que che pareceu o artigo ?