Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Becerreá presentaron este xoves un escrito no rexistro do Concello no que solicitan explicacións ao Alcalde polo cambio de data do Pleno Ordinario que se tería que celebrar hoxe e que decidiu pospoñer unilateralmente para a celebración dun Pleno Extraordinario, o 20 de decembro, no que se debaterá a aprobación do orzamento do 2019. O Concello de Becerreá ten estipulado a celebración dun Pleno Ordinario os últimos xoves dos meses impares, ás 20:00 horas. Con esta suspensión por parte do Rexedor a corporación celebrará un pleno en 3 meses. A Agrupación Municipal Socialista de Becerreá agarda que canto antes o Alcalde aclare dita situación, do contrario, o PSOE valorará rexistrar unha queixa ao Valedor do Pobo para que se respecten os dereitos estipulados pola lei.

 

Coa suspensión do Pleno Ordinario por parte do goberno municipal, todas as propostas presentadas e rexistradas polos grupos políticos quedan sen debater e polo tanto sen aprobar ata o 20 de decembro. O Partido Socialista de Becerreá levaba para dita sesión unha iniciativa   para modificar a ordenanza fiscal reguladora do IBI. En concreto, sería rebaixar o tipo impositivo de urbana do 0,55 actual ao 0,4, que é o mínimo que marca a lei; e incluír unha bonificación do 95% en xeral para as actividades das que son titulares os veciños de Becerreá e que xeran emprego no municipio, como as actividades agrícolas e gandeiras.

 

Os veciños terán que pagar 1 ano máis de impostos

Os socialistas critican que ao suspenderse a sesión plenaria de este xoves, a proposta do PSOE para rebaixar o IBI de urbana e aplicar bonificacións non se poderá debater ata o 20 de decembro, o que implicaría, en caso de aprobarse, que non entraría en vigor ata o ano 2020 porque non cumpriría os prazos legais para facerse efectivo en dita data. “Un enorme prexuízo para todos os becerrenses por parte do señor Martínez, que por intereses que descoñecemos, obriga aos veciños e veciñas de Becerreá a pagar durante un ano máis impostos polos seus inmobles” censurou a voceira do PSOE, Ana Rubinos. Neste eido a socialista explicou que presentaron esta iniciativa “co obxectivo de que a corporación lle dera o visto bo, para que cumprise cos prazos establecidos e que a partir do 2019 os nosos veciños e veciñas tiveran un 0,4 de tipo impositivo e unha bonificación do 95%, que sen dúbida, impulsaría e melloraría as economías familiares”.

 

Unha proposta sumamente social

Ana Rubinos destacou que con esta proposta “o único que queremos é mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”. A voceira explicou que por exemplo, un veciño que posúe un edificio cun valor catastral de 50.000 euros, está, actualmente, pagando ao ano 275 euros. Coa iniciativa do PSOE pagaría 200 euros, que coas bonificacións do 95% implementadas pasaría a abonar un total de 10 euros. É dicir, unha diferenza de 190 euros, neste suposto.

Que che pareceu o artigo ?