Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acompañados de membros do goberno municipal, mantiveron este mércores, no consistorio lancarés, unha reunión de traballo con técnicos de Adif e municipais para afondar no proxecto de humanización dos espazos ferroviarios pechados tras a entrada en servizo da nova variante. Trátase dun trazado de máis de 1 quilómetro da Pobra de San Xiao, co que se quere mellorar os accesos e dinamizar e impulsar a zona.

 

Os socialistas conseguiron o compromiso de Adif de desafeccionar integramente as antigas vías de tren nun prazo de 2 meses, co fin de empezar a traballar no proxecto de senda verde. Neste eido, o Goberno socialista de Láncara está elaborando dun proxecto sectorial para poder cambiar o Plan Xeral aprobado pola corporación, pois este non contemplaba ditas actuacións.

 

Piñeiro López agradeceu o interese e a dispoñibilidade de Adif para poñer en marcha dita iniciativa que “sen dúbida repercutirá na mellora da comunicación e da seguridade na Pobra de San Xiao, dándolle un uso público, e acondicionando o entorno das antigas vías do tren con zonas verdes como xardíns e árbores, así como con novo mobiliario urbano”.

 

“Dende o Concello e Adif estamos valorando a fórmula que máis se adecúe as nosas posibilidades para poder facer realidade, canto antes, estes traballos”. O Alcalde de Láncara destacou que a iniciativa “é moi demandada polos veciños e veciñas do municipio porque despois de inaugurarse o novo trazado quedáronse un pouco orfos, xa que o noso Concello sempre tivo unha estreita vinculación co tren. Unha vez máis, dende o PSOE no Goberno Municipal, traemos novas iniciativas e proxectos co fin de que os nosos cidadáns conten coas mellores prestacións públicas posibles, pois, como sempre fixemos, defenderemos os intereses das persoas que viven no rural” engadiu Piñeiro López.

 

Reunión entre os 4 Concellos afectados

Durante o encontro, participaron o Alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, o Alcalde do Páramo, Gumersindo Rodríguez e representantes do Concello de  Sarria, pois con Láncara, son os 4 municipios lucenses afectados pola nova variante de tren. Estableceron unha reunión que terá lugar nas vindeiras semanas para coñecer as necesidades de cada municipio e poñelas en común, de cara a iniciar os procesos necesarios para o proxecto de senda verde.

Que che pareceu o artigo ?