Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Outeiro de Rei esixen ao Partido Popular que “atenda dunha vez por todas ás peticións das familias do noso Concello, pois levamos anos reclamando á Xunta de Galicia o imprescindible reforzo do servizo de pediatría para adaptalo ás necesidades veciñais actuais, que moito mudaron nos últimos anos”.

 

Así o apuntou a voceira municipal do PSOE. Luisa Meilán explicou que dende hai moito tempo existe un único profesional dispoñiblede 09:30 a 13:30 pola semana e con cita prevía, que “non pode asumir a demanda existente debido ao afortunado incremento no número de nenos. Cada ano, o índice de natalidade aumenta no noso Concello con entre 26 e 39 cativos máis. En 8 anos, incrementouse nun 50%. Temos o dobre de menores de 0 a 14 anos que no 2009, pois contamos con 540 nenos. Todo iso dá boa mostra que a situación é totalmente diferente e que é imprescindible adaptar os servizos sanitarios públicos, aos que todos os veciños temos dereito, á realidade e ás necesidades existente. Por iso, demandamos dende hai tempo o reforzo do servizo de pediatría”.

 

A voceira do PSOE de Outeiro de Rei explicou que “evidentemente, hoxe este servizo é totalmente insuficiente e o profesional co que contamos está desbordado. Por exemplo, no horario no que non está no centro, os nenos ou reciben atención dun médico de familia, que evidentemente non ten a formación específica en pediatría; ou chaman ao pediatra para saber en que Concello está desprazado para ir alí na busca da atención que requiren os cativos”.

“Necesitamos o reforzo desta prestación, ter cando menos un pediatra continuo durante a semana. Non podemos entender como se mantén o mesmo servizo de hai anos cando a situación e as necesidades das familias de Outeiro de Rei son totalmente diferentes. Temos a grande sorte de acoller a moitos veciños, de ser cidade dormitorio de moitos lucenses que traballan na capital. Pero necesitamos ofrecer servizos públicos para que isto non mude”.

Que che pareceu o artigo ?