Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Riotorto agradecen ao Goberno da Deputación o millón de euros achegado en novos investimentos para mellorar as prestacións públicas municipais e a calidade de vida dos veciños da vila e critican que a Xunta de Galicia non faga o mesmo. Neste eido, o Secretario Xeral do PSOE neste Concello, José García Freije, destacou “a sensibilidade e o firme compromiso dos socialistas por satisfacer as demandas dos riotortenses, achegando novos investimentos que permitiron mellorar as infraestruturas do Concello, atender a máis de 50 maiores, xerar novos empregos e dinamizar a economía e a actividade do municipio a través da cultura e o deporte”.

 

José García subliñou que “dende o Partido Socialista traballamos conxuntamente na mellora de dotacións públicas no rural porque defendemos a igualdade de oportunidades vivamos onde vivamos.” Os socialistas informaron que o Executivo Provincial destinou máis de 800.000 euros en mellorar as infraestruturas. Con dito orzamento rehabilitouse a estrada LU-P-2801 que comunica Riotorto con Lourenzá e a LU-P-4402 de Riotorto a Bretoña, melloráronse os accesos a Lourido, Teixeiro, Espasande de Arriba, Vilar de Meilán, Lamas, campo de fútbol de Muxoeira, Vilar de Santiago, Chacín, Moxueira e á escola de Órrea, ou acondicionáronse as vías municipais de Santalla, Espasande de Arriba, Santamarta, Vilaseca, Lamas e Eirredondo-Teixeiro, entre outras actuacións.

 

O PSOE no Goberno da Deputación tamén achegou 260.000 euros en novas dotacións públicas como o parque infantil, calefacción e novo mobiliario do edificio da área recreativa no Mazo da fraga de Ferreiravella, traídas de auga no núcleo de Soutelo e na parroquia de Galegos, a compra dun camión de recollida de lixo (mancomunado co Concello de Meira) e un tractor para rozar as pistas, a rehabilitación de fontes en Teixeiro e Ortovello ou a recuperación íntegra da igrexa de San Pedro.

 

Ademais, os socialistas destinaron máis de 90.000 euros para a celebración de diferentes actividades como a Feira do Ferro, obradoiros de artesanía, actuacións musicais, así como axudas para os gastos correntes de asociacións culturais e deportivas.

 

Dous modelos de xestión confrontados

Os socialistas de Riotorto critican a xestión levada a cabo polo goberno do PP durante estes últimos anos. Neste eido, García Freije subliñou que foi o PSOE, cun investimento de 200.000 euros, o que acondicionou 300 quilómetros de camiños de Riotorto “que a día de hoxe están impracticables polo deixamento e incompetencia do Alcalde popular. Tamén dotamos de prestacións públicas como o parque infantil ao carón do colexio, o tanatorio, así como a rehabilitación de varias fontes, dentro da nosa aposta por dinamizar o rural. O Partido Socialista achega investimentos mentres que o PP no Concello e na Xunta de Galicia non fai nada polos nosos veciños”.

 

Apertura dos servizos do Centro Sociocultural de Augasoxa

O Secretario Xeral do PSOE en Riotorto demandou ao Concello que habilite os servizos hixiénicos do Centro Sociocultural de Augasoxa para o uso dos veciños e visitantes ao municipio cando se celebren festas e feiras na localidade “porque chegáronnos moitas queixas dos veciños reclamando dita prestación, que cremos necesaria”.

Que che pareceu o artigo ?