Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Agrupación do PSOE en Vilalba levará ao vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello e a Xunta de Galicia tomen medidas contra a praga da vespa velutina. Neste eido, os socialistas solicitan a organización de xornadas de formación no municipio para o coñecemento e loita contra a especie invasora, máis material para os colectivos implicados na retirada dos niños e para os apicultores, como repelentes e trampas. Ademais, a proposta do Partido Socialista inclúe trasladar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a revisión da estratexia de xestión, control e posible erradicación do avispón asiático.

 

A voceira municipal do PSOE en Vilalba, Elba Veleiro explicou que “solicitamos estas medidas para loitar contra a proliferación de asentamentos da vespa velutina no noso Concello. As competencias nesta materia son da Xunta de Galicia, que se desentendeu totalmente deste asunto, deixándoo en mans dos municipios, que carecen dos medios necesarios, dos apicultores e dos propios veciños. Este é un exemplo máis do abandono ao noso rural ao que nos ten sometido o goberno de Feijóo, cando asegurou que esta ía ser a lexislatura do rural”.

 

“Dende o 2013 a Xunta non fai nada por controlar a vespa velutina, nin tan sequera ten amosado publicamente o seu interese en proxectos de investigación científica que poidan dar resposta á grave problemática que avanza sen medida e para a que tanto os profesionais do sector como a sociedade en xeral demandan solucións”.

 

A voceira socialista apuntou que ao problema da produción de mel súmase outro aínda máis grave como é o desaxuste na polinización das especies vexetais, pois coa diminución das abellas, diminúe drasticamente o efecto da polinización, co que moitas  especies vexetais non poderán reproducirse e verase seriamente afectada a biodiversidade dos ecosistemas naturais.

 

Veleiro explicou que o feito de que os niños de velutina xa xurdan ata en zonas soterradas, é dicir, que poden aparecer en lugares inesperados ata o momento, supón un perigo para os veciños. Localízanse, por exemplo, en zonas forestais onde se están a levar a cabo traballos de desbroce ou lugares onde se están recollendo cultivos.

Que che pareceu o artigo ?